A UE insta a Shein a cumprir coa lexislación de protección dos consumidores

luns, 26 de maio do 2025 Redacción

Shein recibiu hoxe unha notificación formal por parte da Rede de Cooperación para a Protección dos Consumidores (CPC) e da Comisión Europea, tras unha investigación coordinada a nivel europeo que detectou múltiples prácticas contrarias ao dereito da Unión.
A rede CPC instou a empresa a corrixir estas prácticas e aliñarse coas normas europeas de protección ao consumidor. Shein segue baixo investigación e deberá achegar información adicional. A acción está liderada polas autoridades nacionais competentes de Bélxica, Francia, Irlanda e os Países Baixos, co apoio da Comisión Europea.
A investigación revelou que Shein recorre a diversos métodos contrarios aos dereitos dos consumidores, como ofrecer falsos descontos baseados en prezos anteriores inexistentes, empregar técnicas de venda agresiva que inducen á compra apresurada mediante presión psicolóxica, ou mostrar información incompleta ou incorrecta sobre os dereitos de devolución e reembolso, chegando incluso a non respectar os procedementos establecidos por lei. Tamén se detectou o uso de etiquetas que suxiren calidades especiais nos produtos cando, en realidade, estas características son obrigatorias por lei, así como afirmacións enganosas sobre a sustentabilidade dos artigos ofrecidos. Ademais, Shein dificulta o acceso dos consumidores aos seus datos de contacto, facendo complicado que poidan formular preguntas ou presentar reclamacións.
A maiores, a rede CPC solicitou información para avaliar se Shein está a cumprir outras obrigas legais, como garantir que a orde de aparición dos produtos, as valoracións ou as críticas non sexan manipuladas de forma enganosa. Tamén se investiga se a empresa informa axeitadamente cando actúa como intermediaria entre o consumidor e un vendedor alleo, especialmente no caso de que este último non sexa un comerciante, onde os dereitos do consumidor poden verse limitados.
Esta actuación da rede CPC é independente, pero complementaria á investigación aberta no marco da Lei de Servizos Dixitais (DSA) por parte da Comisión. Ambas iniciativas buscan garantir un entorno dixital seguro e fiable, onde os dereitos dos consumidores estean plenamente protexidos.
Shein dispón agora dun prazo dun mes para responder aos requirimentos das autoridades e presentar propostas concretas para corrixir as irregularidades detectadas. En función da resposta, poderíase abrir un diálogo coa compañía. No caso de non colaborar ou non ofrecer solucións satisfactorias, as autoridades nacionais poderán adoptar medidas sancionadoras, incluíndo multas baseadas na facturación anual de Shein nos Estados membros afectados.