A UE mobilizará 200.000 millóns de euros para investimentos en IA
martes, 11 de febreiro do 2025
A presidenta Ursula von der Leyen participou esta mañá no Cumio de Acción en Intelixencia Artificial organizado en París, onde pronunciou un discurso ante líderes políticos e emprendedores da IA de todo o mundo, no que sostivo que Europa ten o potencial de converterse nun dos continentes líderes en intelixencia artificial, e a Comisión Europea fará a súa parte para que iso aconteza.
A presidenta von der Leyen anunciou a iniciativa InvestAI, que buscará mobilizar 200.000 millóns de euros para investimentos en IA en Europa, xunto coa EU AI Champions Initiative, presentada por empresas e investidores europeos no marco do cumio parisiense.
A presidenta tamén indicou que a UE creará xigafábricas de IA, que seguirán o modelo de traballo do CERN en Xenebra: “O CERN alberga o maior acelerador de partículas do mundo e permite que as mellores e máis brillantes mentes colaboren. Queremos que o mesmo aconteza nas nosas xigafábricas de IA. Proporcionaremos a infraestrutura para unha gran capacidade computacional. Investigadores, emprendedores e investidores poderán unir forzas. Os talentos do mundo serán benvidos”.
As xigafábricas de IA basearanse nas accións de éxito emprendidas nos últimos meses para poñer a potencia de supercomputación de Europa ao servizo de novas empresas e científicos: “En só uns meses establecemos un récord de 12 fábricas de IA. E estamos a investir 10.000 millóns de euros nelas. Isto non é unha promesa, está a suceder agora mesmo, e é o maior investimento público en IA do mundo, que desbloqueará máis de dez veces esa cantidade en investimento privado”, asegurou von de Leyen.
Todo isto está enmarcado no que a presidenta chamou “o enfoque distintivo de Europa na IA”, caracterizado pola súa natureza cooperativa, a súa preferencia polo código aberto, que permite unha expansión máis rápida, e o aproveitamento dos datos industriais e manufacturados únicos de Europa, así como do seu coñecemento técnico.
Destacando o carácter cooperativo do enfoque europeo da IA, a presidenta von der Leyen pechou o seu discurso sinalando os beneficios da IA máis aló de Europa, especialmente no hemisferio sur.