A UIE e a RAGC crean uns premios para recoñecer a mocidade investigadora en Galicia
mércores, 10 de xullo do 2024
A Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) e a Real Academia Galega de Ciencias asinaron este 10 de xullo, na sede institucional da UIE en Santiago de Compostela (rúa Nova, 33), o convenio para a creación do vindeiro certame de promoción do talento investigador en Galicia.
Estes novos galardóns, os Premios de Investigación UIE-RAGC para Xoves Investigadoras e Investigadores, será de periodicidade bienal e recoñecerá o esforzo que nos eidos das ciencias técnicas, básicas e sociais desenvolve a mocidade investigadora nos centros galegos e que contribúe co seu esforzo ao avance do coñecemento científico. Ao acto de rúbrica asistiron o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio.
En palabras do reitor “é moi importante sinalar o compromiso da UIE coa investigación básica e aplicada, e, especialmente, coa mocidade investigadora. Formación, investigación e servizo social e cultural á comunidade son obxectivos que están inseridos no noso ADN”. Neste sentido, recalcaba o reitor o compromiso da UIE coa dinamización do saber que se ve materializado ao ser este un certame “enfocado a dar recoñecemento público e potenciar as traxectorias de investigadoras e investigadoras mozas que desenvolven a súa carreira en centros de investigación en Galicia, e que contribúen co seu labor ao impulso do coñecemento científico como motor indispensábel de progreso social. Ademais, o seguinte ano académico iniciaremos, na UIE, paso a paso, con prudencia, os nosos programas de doutoramento vinculados intimamente coa investigación”.
Juan Manuel Lema Rodicio salientou que “con estes premios pretendemos poñer en valor e dar ánimos a todas aquelas investigadoras e investigadores que se atopan nos comezos da súa carreira, aínda que xa desenvolvida, pero na primeira etapa, e para que poidan centrarse en abordar un proxecto ambicioso, mentres contan co recoñecemento que todo galardón implica. E, para iso, a colaboración da UIE é fundamental, porque se trata dunha universidade que aposta pola calidade e a xente nova, e isto é o que necesitamos impulsar”.
Os premios terán unha dotación de 5000 euros por cada rama de coñecemento de ciencias sociais, básicas e técnicas. Dentro do eido das ciencias básicas, concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento da ciencia básica en Galicia en calquera dos campos da física, a química, as matemáticas e a bioloxía. Concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento das ciencias sociais en Galicia en calquera dos ámbitos da economía, a socioloxía, a antropoloxía social e a psicoloxía social). Por último, na rama das ciencias técnicas, concederase pola contribución da investigación ao desenvolvemento tecnolóxico en calquera das súas áreas, valorando o grao de innovación e a súa aplicabilidade.
As persoas que poden concorrer aos Premios de Investigación UIE-RAGC para Xoves Investigadoras e Investigadores deben ser menores de 40 anos (ampliados aos 42 en casos debidamente acreditados e recollidos e detallados nas bases) e precisarán contar cunha destacada contribución á creación do coñecemento, na que se valorará especialmente a calidade, a orixinalidade e o impacto resultante. Así mesmo, serán criterios puntuábeis a internacionalización, a capacidade de liderado, a capacidade formativa avaliada e a habilidade para a divulgación para o conxunto da sociedade do coñecemento científico.