A UNED levará os seus obradoiros de Intelixencia Artificial ao Guillelme Brown de Ourense

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

O proxecto da UNED de levar a divulgación científica aos centros escolares conta xa coa participación dun novo colexio. Trátase do Guillelme Brown de Ourense, cuxo equipo directivo quixo sumarse a esta colaboración. A súa directora, Yolanda Valeiras, expuxo que non dubidou en solicitar o apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia, para “non deixar de ofrecer no centro as actividades STEM de formación e información da institución académica”.
Lembrar que o Guillelme Brown deu acubillo hai anos a un clásico das feiras científicas xuvenís, Expociencia, que foi o xermolo dun evento que xa é un referente nos ámbitos galego e estatal: Galiciencia.
O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García, explicou que “esta Universidade quere estar na sociedade ourensá co que sabe facer: investigación e divulgación do coñecemento científico”. Tamén lembrou que a Aula de Divulgación Científica da UNED inclúe obradoiros de electromagnetismo e de química así como charlas científicas sobre paleontoloxía, arqueoloxía e historia, robótica e dixitalización, ademais de Intelixencia Artificial. Engadiu o director que os talleres están dirixidos por científicos da UNED “cunha dilatada experiencia en divulgar”.
Rosa María Martín, vicerreitora da UNED, explicou que “divulgar a ciencia é unha nobre tarefa” e púxose como exemplo das posibilidades que abre a investigación, pois sendo unha escolar, abríuselle o interese por estudar ciencias “cando nunha ocasión leváronnos a ver o raio láser e ao contemplar como nos atravesaba o dedo, quedei fascinada”.
Destacou a importancia desta acción que se promove desde UNED Ourense e que se enmarca dentro do programa do 50 aniversario da institución. Indicou, ademais, que as novas tecnoloxías
como a Intelixencia Artificial (IA) ou a análise da información a gran escala (Big Data), as dúas tecnoloxías denominadas “disruptivas”, van producir un cambio na investigación científica nos vindeiros anos, e “os nenos e nenas ourensáns de hoxe teñen a oportunidade de coñecer rudimentos científicos que lles poidan animar a querer ser os científicos de mañá”.


PUBLICIDADE