A UNED mostra a súa firme vontade de colaboración co Centro de Intelixencia Artificial de Ourense

xoves, 29 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

A presentación oficial do Centro de Intelixencia Artificial do Concello de Ourense, do que falamos onte en Código Cero nos seus detalles, contou coa presenza de representantes da UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia) que, dende a súa sede na cidade das Burgas, mostrou dende o primeiro intre o seu decidido apoio á iniciativa. De feito, segundo fixo saber o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, a institución académica de docencia en remoto foi “a primeira universidade que se ofreceu a colaborar xunto coa de Vigo”.
García Díaz comezou a súa intervención trasladando aos presentes o saúdo cordial do reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón, e lembrando unha das principais apostas do Centro Asociado á UNED en Ourense, que non é outra que o compromiso pola investigación. Deste interese polo coñecemento, dixo, foi de onde frutificou o apoio da Universidade ao Centro de Intelixencia Artificial do Concello, dende o primeiro intre que a Administración local solicitou a súa colaboración científica.
O director de UNED Ourense mostrouse convencido do importante potencial de innovación que vai xerar este traballo conxunto arredor do Centro de IA, con beneficios para todas as entidades implicadas e, sobre todo, para a cidadanía. Nas súas palabras, “a actividade científica constitúe o elemento diferenciador da nosa Universidade fronte a outras ofertas formativas, unha actividade que se materializa nun compromiso continuo pola investigación, a transferencia e a internacionalización como elementos imprescindíbeis da cultura científica actual”.
Asemade, fixo saber que a UNED pretende potenciar a formación e cualificación dunha nova xeración de investigadores e de persoal adicado ás actividades de I+D+i e o mantemento das infraestruturas científicas, “co obxectivo de incrementar o prestixio investigador da Universidade e a visibilidade e reputación da marca-UNED, como sinala o seu plan estratéxico”. Neste ámbito, engadiu Jesús Manuel García, “poñemos o ollo sobre algúns obxectivos que marca o plan estratéxico desta Universidade, como o de impulsar a investigación promovendo os principios de investigación e innovación responsábeis”.
Segundo fixo saber, “Ourense posúe calidade de vida e iso pode axudar a reforzar o atractivo investigador e científico do Centro de IA ao que auguramos éxito, porque será tamén o éxito desta cidade como terra que aposta pola Intelixencia Artificial, un campo imprescindíbel na sociedade do século XXI”.
Pola súa banda, o director da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación da UNED, Sixto Jansa Anadón, baseou a súa intervención en cinco reflexións:
· O Centro de IA de Ourense, dixo, “é un proxecto que conta con todo o interese e apoio da UNED”, tal e como se puxo de manifesto en outono de 2019, “cando asinamos un convenio co Concello debido á coincidencia de intereses de ambas as entidades no desenvolvemento científico aplicado ao avance do sector produtivo e ao desenvolvemento local”. A este respecto, dixo que a UNED entendeu que o proxecto do Concello era “especialmente interesante polo seu potencial para ao desenvolvemento da industria, das cidades, e dos servizos das administracións públicas”.
· Segundo explicou, o Centro de IA virá acompañado dunha “masa crítica suficiente para abordar proxectos de dimensión internacional, lograr relevancia científica a través dos resultados obtidos, e producir un impacto positivo e crecente na actividade económica e social de Ourense”.
· Jansa tamén puxo o foco na súa aposta polo sustentábel, “grazas a unha estrutura financeira sólida composta por fontes complementarias: apoios públicos institucionais, proxecto de financiamento competitivo, ingresos por servizos técnicos, explotación de resultados de investigación, formación especializada, patrocinios e mecenados, etc, unida a métodos eficientes de goberno”.
· O director da OTRI da UNED salientou o carácter internacional do proxecto, que mostra “proxección exterior en relacións, proxectos, clientes, investigadores, tecnoloxías, alianzas e sistemas de traballo”.
· Tamén destacou os seus fortes vencellos co desenvolvemento económico, social e demográfico da cidade e a provincia de Ourense.

PUBLICIDADE