A USC, Caixa Rural Galega e a CEL xuntan forzas polas empresas de base tecnolóxica

luns, 15 de xullo do 2024 S. P.

A USC, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios (CEL) de Lugo renovaron a súa colaboración para promover actividades de investigación tecnolóxica, unha alianza que se remonta a 1995 e que permite, entre outras cousas, impulsar proxectos empresariais locais de alicerce tecnolóxico. O convenio abrangue dende o fomento de creación de empresas ata a dinamización de áreas deficitarias na captación de recursos co obxecto de mellorar a súa captación de fondos.
O acordo recolle unha achega de 50.000 euros, por parte de Caixa Rural Galega para o desenvolvemento das actividades contempladas no convenio. Pola súa parte, a Confederación de Empresarios de Lugo comprométese a facilitar a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación da USC entre os seus membros, así como na procura de socios empresariais para participar en proxectos colaborativos de carácter autonómico, estatal e internacional.