A USC achega unha aplicación web para impulsar a mobilidade internacional

martes, 23 de xaneiro do 2018 Redacción

A Universidade de Santiago presentou hoxe unha aplicación encamiñada a facilitar os trámites relacionados cos programas de mobilidade: unha ferramenta que axiliza a colaboración con outras universidades e comunidades universitarias do mundo. A aplicación web, a disposición de todas as institucións educativas superiores internacionais coas que colabora a USC, foi elaborada tirando o máximo proveito do coñecemento e a experiencia xeradas a partir de iniciativas previas análogas. Segundo se fixo saber na presentación, “trátase de unificar criterios co obxecto de axilizar procesos e así poder ofrecer un mellor servizo”.
As técnicas da USC Fátima Fernández Fernández e Isabel Barreiro Vázquez, foron as encargadas de dar a coñecer este recurso en liña, no Colexio de Fonseca, no transcurso da segunda sesión da Staff Week, un encontro que reúne esta semana na USC a membros da comunidade universitaria de máis dunha decena de países entre os que se atopan India, Líbano, Irán ou Exipto cos que a Universidade compostelá colabora en materia de mobilidade.
A Staff Week enmárcase no Programa Erasmus + KA 107 e ten como obxectivo primordial “fomentar o traballo en rede entre as máis de 30 universidades participantes e poñer en común metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización na xestión e difusión dos programas de mobilidade nos que participan todos os membros do consorcio”. A aplicación presentada xorde directamente desta arela de fomentar o traballo en rede e unificar recursos.

PUBLICIDADE