A USC achegou referentes femininos STEM a 8.000 estudantes de primaria

martes, 21 de abril do 2026 S. P.

A Universidade de Santiago fixo balance da súa liña de traballo divulgador destinado a fomentar vocacións STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre as rapazas. Así, máis de 8.000 estudantes de primaria de colexios de toda Galicia participaron no programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole que a USC puxo en marcha hai 11 anos coa finalidade de impulsar talentos científico-tecnolóxicos entre as nenas e mozas e visibilizar enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos.
No programa desta décimo primeira edición, que se desenvolveu entre os meses de febreiro e abril, participaron de maneira presencial nove colexios de Santiago e máis de 400 alumnos e alumnas, e de xeito virtual o impacto foi en 116 centros de toda Galicia chegando a preto de 7.300 rapaces e rapazas.
Organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC en colaboración co Concello de Santiago, a iniciativa busca incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM, coa realización de obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 4º de primaria en colexios públicos.
Nesta edición, de Santiago participaron os colexios Mestre Rodríguez Xixirei, Cardeal Quiroga Palacios, Pío XII, Ramón Cabanillas, Vite, López Ferreiro, Lamas de Abade, Apóstolo Santiago e Roxos. Todos eles están coordinados por Ana Isabel Gómez Varela e impartidos por profesoras investigadoras da USC de diferentes áreas (Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Electrónica e Computación, Enxeñería Química, Física Aplicada, Química Inorgánica, Química Orgánica, Química Analítica, Óptica) e investigadoras do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).