A USC acolle a partir do 18 de novembro un simposio sobre IA e galego

mércores, 12 de novembro do 2025 S. P.

Entre o 18 e o 20 de novembro vai se celebrar en Santiago o Simposio ILG 2025 baixo o epígrafe A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos. Será na Facultade de Filoloxía da USC.
Nesta edición quérese ofrecer unha ocasión para reflexionar sobre o presente e o futuro da lingua galega na era dixital. Neste contexto, o Proxecto Nós de tecnoloxías lingüísticas (impulsado pola USC e a Secretaría Xeral da Lingua) busca abrir novas perspectivas e tirar as posibles vantaxes desta situación de mudanza. A cita ten o obxectivo de “explorar estas oportunidades, mais tamén botar unha mirada crítica ás tecnoloxías baseadas na intelixencia artificial”.
Para iso, ademais de presentar o desenvolvemento da IA e ilustrar o funcionamento das principais ferramentas en tecnoloxías lingüísticas, trataranse tamén de maneira específica os problemas éticos e legais que aparecen con estas aplicacións, así coma as súas repercusións para certas profesións: xornalistas, actores e actrices ou profesionais da tradución.
Tamén será retransmitido a través da canle de YouTube do Instituto da Lingua Galega.
O prazo de inscrición estará aberto ata este xoves 13 de novembro.

Programa do simposio