A USC acolle formación en tecnoloxías avanzadas para afrontar os grandes retos ambientais: Autumn School

venres, 25 de outubro do 2024 S. P.

A Universidade de Santiago, a través da directora científica de ECOBAS e catedrática da USC María Loureiro, puxo en marcha unha iniciativa de formación centrada en achegar tecnoloxías avanzadas (aprendizaxe automática, Intelixencia Artificial) aplicadas á economía do cambio climático e os principais desafíos medioambientais aos que nos enfrontamos. Trátase da Autumn School, abeirada ao proxecto CiberEco, que traballa para determinar como se relacionan as fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades.
Na formación, que se desenvolve na Facultade de Ciencias e Económicas e Empresariais da USC, participan medio centenar de estudantes das tres universidades públicas galegas. Especialistas internacionais de primeiro nivel no eido da IA como Marcos López de Prado, Francisco Herrera e Luis Seco, debullan ao longo de tres xornadas como as técnicas de aprendizaxe automática (ML) e inferencia causal poden contribuír a solucións innovadoras en áreas coma o cambio climático e o desenvolvemento sostíbel.
O director da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), Pablo Taboada Antelo, deu a benvida ao alumnado, na súa maioría persoal investigador predoutoral das áreas de Economía e Empresa, que aprenderá ao longo das sesións como empregar estas tecnoloxías para entender mellor as relacións causais e oprimizar a toma de decisións baseadas en datos. Esta formación afonda nas técnicas máis innovadoras e avanzadas que se poden empregar na actualidade para a investigación en ciencia económica, e atende á liña principal do proxecto CiberEco, centrada en estudar e atribuír as ciberameazas no escenario macroeconómico.
CiberEco conta cunha dotación de 400.000 euros do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), que está a poñer o seu foco en ameazas externas non previamente estudadas a nivel macroeconómico. Algúns dos seus obxectivos son saber, por exemplo, como impactará a maior recorrencia de eventos extremos na ciberseguridade do país; que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptíbeis a ciberataques nos distintos escenarios climáticos futuríbeis; e finalmente, pescudar se é posíbel predicir os impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en IA.
O proxecto CiberEco comprende tamén o desenvolvemento de solucións de alto valor engadido para a mellora da ciberseguridade no país. Así, o equipo investigador creará novos modelos preditivos de fendas de ciberseguridade, ferramentas que empregarán algoritmos de IA para modelar datos climáticos, combinados con outras técnicas de enquisa e modelos híbridos de aprendizaxe tipo human-in-the-loop.
ECOBAS é un centro de investigación interuniversitario que aspira a ser referente internacional no eido da sustentabilidade económica, ambiental e social. Integrado por 80 dos mellores académicos e académicas das tres universidades galegas, ECOBAS traballa para dar resposta aos grandes retos e desafíos da sociedade mediante a investigación de excelencia, a docencia, a divulgación e a transferencia de coñecemento.