A USC acolle un hackathon para achegar proxectos ambientais baseados en tecnoloxías
venres, 7 de marzo do 2025
Do 10 ao 17 de marzo desenvolverase na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría) e no Edificio Emprendia da Universidade de Santiago o Impact-Thon USC, un programa intensivo, en formato hackathon, de acompañamento para o desenvolvemento de ideas de negocio con impacto social ou ambiental, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) e baseadas en solucións tecnolóxicas.
A iniciativa, convalidábel por dous créditos, está pensada como unha experiencia de traballo intensivo e colaborativo para equipos emprendedores, que atoparán durante unha semana a oportunidade de desenvolver unha solución tecnolóxica con impacto real, cun plan de acción enfocado a crear “unha nova firma innovadora de éxito”. A dinámica rematará coa presentación final dos respectivos traballos e a entrega de premios para os mellores proxectos.
Esta actividade enmárcase no programa de actuación da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, na que participa a USC a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE).