A USC activa GALESTAT, o primeiro portal estatístico da economía social en Galicia
mércores, 26 de marzo do 2025

- Presentación do portal na VI Semana Universitaria da Economía Social (fotos de Santi Alvite)
O Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da Universidade de Santiago que dirixe a profesora Maite Cancelo culminou xa os traballos de GALESTAT, o portal estatístico da Economía Social que achegará os datos máis actualizados sobre o sector en Galicia. Os detalles desta ferramenta dixital presentáronse este mércores 26 de marzo no marco da VI Semana Universitaria da Economía Social.
Segundo explicaron, GALESTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, que establece como un dos seus obxectivos “aumentar a súa visibilidade mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuados”. Trátase de ofrecer “a información estatística máis relevante dos diferentes actores que integran a Economía Social galega e que complementa a análise que o CECOOP realiza anualmente”.
O portal recolle datos do ano 2021 dos ingresos, empregos e número de entidades da Economía Social galega de mercado e de non mercado así como un glosario de termos económicos, publicacións e novas de interese. Para as sociedades cooperativas e as laborais compílanse ademais datos das estatísticas do Ministerio desde 1999, o que permitirá realizar traballos cunha visión temporal bastante ampla.
O consello científico do portal está formado polos docentes e persoal investigador das Universidades de Santiago e Vigo María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas e Miguel A. Vázquez Taín; pola presidenta de Espazocoop, Ana Olveira; por Marta Mariño e por José Luís Monzón, presidente de CIRIECSTAT.
No mesmo acto tivo lugar tamén a presentación do Informe da Economía Social en Galicia 2023 (que proximamente se poderá consultar na web do CECOOP), que recolle que ese ano en Galicia creáronse 138 cooperativas (a segunda cifra máis elevada da serie histórica) con 434 socios e socias promotores (o 44% mulleres); 56 sociedades laborais (o 24% das constituídas en todo o Estado, só por detrás da Comunidade de Madrid) e 7 novos centros especiais de emprego.
