A USC aposta por combater a crise con innovación a través dunha nova edición de Akademia

xoves, 15 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

Mergullados como estamos nunha pandemia que recrúa, o coñecemento innovador preséntase a todas luces como a gran reposta que estabamos a buscar, tanto para poñer freo ao seu espallamento e aos seus efectos como para garantir que con tecnoloxías e recursos sustentábeis poidamos seguir traballando, xerando emprego e riqueza, informándonos e formándonos. Dende a Universidade de Santiago veñen de lanzar a nova edición dun programa que este ano promete ser un bastión contra a crise sanitaria e social, o Programa de Innovación Akademia para a creación de produtos ou servizos innovadores.
Vén da man da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e Uninova, en colaboración coa Fundación Innovación Bankinter, e consiste nun curso en liña que se desenvolverá en tres convocatorias distintas para “adaptarse mellor aos distintos horarios do alumnado”.
Na edición deste ano, os mozos e mozas terá a oportunidade de integrarse en grupos formados por estudantes das catro universidades participantes: USC, Politécnica de Valencia, Pompeu Fabra e Universidade de Loyola. A diferencia dos anos anteriores, a participación na presente edición terá carácter gratuíto para o alumnado da USC.
O programa Akademia quere “poñer en valor todo o coñecemento técnico adquirido nos cursos universitarios”, mostrando como se poden crear produtos ou servizos innovadores cun valor sustentábel para a nosa sociedade. A través desta iniciativa, mozos e mozas de diferentes universidades e diferentes carreiras realizarán unha viaxe práctica para experimentar un proceso de innovación real, dende aprender a predicir tendencias futuras ata o desenvolvemento dun algoritmo baseado na Intelixencia Artificial.
O programa está organizado en oito sesións dunha hora de duración cada unha, que serán impartidas por diferentes expertos nun formato de debate. Os contidos van dende a innovación, a enerxía ou as telecomunicacións como base para aprender a innovar e adiviñar tendencias, a contidos máis específicos como a análise da información a gran escala (o Big Data), os algoritmos ou, tamén, a aprendizaxe automática (Machine Learning), que, segundo apuntan dende a USC, “permiten comprender o concepto de Intelixencia Artificial para poder aplicalo os alumnos nos seus propios campos de coñecemento”.

PUBLICIDADE