A USC centra no ensino a nova edición das súas xornadas sobre Intelixencia Artificial

mércores, 19 de xuño do 2019 Redacción

A semana vindeira vaise celebrar en Santiago a terceira edición das xornadas Intelixencia artificial e desenvolvemento humano, que xirarán este ano, especificamente, arredor da transformación do ensino a través das novas e máis avanzadas tecnoloxías smart. O obxectivo desta xuntanza será analizar as estratexias europea e nacional en Intelixencia Artificial (IA) e abordar os retos que esta formula, xunto ao desenvolvemento da tecnoloxía da información, para a formación universitaria.
Organizada pola USC e a Cátedra Microsoft de Privacidade e Transformación Dixital da Universitat de València, o encontro conta coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e a Rede Empresa e Administración (REA).
En dúas sesións previstas para os días 27 e 28 de xuño, o programa comezará cunha presentación da estratexia nacional de IA e sobre a estratexia de investigación española neste ámbito. Ao día seguinte, os distintos relatorios programados prestarán atención á formación en IA de profesionais e profesorado de perfil STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e nos ámbitos do Dereito e da Economía e a Empresa.
O reitor Antonio López inaugurará oficialmente a xornada o venres 28 nun acto no que tamén está prevista a participación da conselleira de Educación, unha representación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, da Cátedra Microsoft da Universitat de València e de Microsoft.

PUBLICIDADE