A USC combateu a fenda dixital con 300 portátiles, 150 routers e 500 plans de datos

xoves, 4 de xuño do 2020 S. P.

Mozas traballando con equipamentos informáticos nunha imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago vén de facer balance das actuacións postas en marcha para contrarrestar a fenda dixital agravada pola COVID-19 e as necesidades extra de estender a teledocencia que a crise sanitaria impuxo, un grave problema para o alumnado sen conexión á Rede, sen dispositivos axeitados e sen recursos para adquirilos. Segundo fixo saber a institución compostelá, o risco de fenda tecnolóxica foi rapidamente detectado (é un problema que vén de antigo, aínda que non tan potenciado) e a través do Fondo Supera COVIC-19 (impulsado polo Santander, a CRUE e o CSIC), a USC puxo en marcha un proxecto para dotar de equipamento informático e de conexión a todo o alumnado que o precisase. Na iniciativa, o subministro de material foi financiando na súa maioría polo Fondo COVID-19, arredor do 90%, mentres que o resto cubriuse con recursos propios.
Como resultado, a mocidade que solicitou estes apoios terá acceso até o mes de xullo a 300 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a Internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos. Ademais, a USC co-financiou o acceso á Rede do alumnado a través de tres convocatorias dotadas con 60.000 euros cada unha (a última delas co prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 19 de xuño). Segundo informou a Universidade, preto de 2000 persoas téñense beneficiado xa desta iniciativa.
Por outra banda, a institución compostelá vén de presentar ante o Fondo un proxecto de Teleformación no Sistema Universitario Galego xunto coas universidades da Coruña e Vigo. Este proxecto aborda unha serie de actuacións orientadas a prolongar unha situación de docencia non presencial non só ata o final deste curso académico, senón que quere definir asemade accións que permitan preparar situacións de excepcionalidade no curso 2020-2021. As actuacións abarcan os eidos da ciberseguridade, teleformación e atención ao usuario.
O Fondo Supera COVID-19
Ante “a situación crítica motivada pola pandemia”, o Banco Santander, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as universidades españolas coas que o Santander ten subscrito un convenio de colaboración, como é o caso da USC, construíron o Fondo Supera COVID-19, dotado con 8,5 millóns de euros. Esta actuación de mecenado está dirixida a financiar medidas de apoio ao ámbito universitario para minimizar o impacto da crise provocada polo coronavirus nos eidos sanitario, educativo e social. CRUE Universidades Españolas xestiona a convocatoria aínda en curso.
Por certo que o Fondo Supera COVID-19 poderá outorgar tamén financiamento adicional a proxectos de investigación sobre o virus SARS-COV-2 que xa obtiveran financiamento en convocatorias competitivas de axencias ou institucións a nivel estatal ou internacional, e que estean actualmente en desenvolvemento; alén de contemplar o financiamento de proxectos novos.

PUBLICIDADE