A USC convoca a oitava edición do certame #TEDSaúde

venres, 25 de agosto do 2023 S. P.

A USC convocou unha nova edición (a oitava) do certame #TEDSaúde, un concurso que premia o traballo de lexendado (subtitulado) de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego e que en 2023 cumpre a súa oitava edición. O obxectivo é “estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes neste eido”.
Promovido pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e co apoio das comisións de normalización lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria da USC, o concurso #TEDSaúde contempla dúas modalidades de participación, unha dedicada a integrantes da comunidade universitaria (alumnado, PDI e PAS) durante o curso 2022-23 (modalidade A) e outra destinada a persoas alleas á USC (modalidade B). En ambos os casos, a inscrición pode ser realizada ata o 30 de setembro a través dun formulario en liña. Tras ter efectuado a matrícula, as persoas inscritas recibirán as instrucións para a subtitulación en galego dun vídeo TED que poderán entregar ata o 4 de novembro.
As bases de participación do VIII Concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da Saúde ao galego están dispoñíbeis na web do SNL, que tamén contén ligazóns ás listas de reprodución cos vídeos cuxa subtitulación ao galego foi premiada nas sete edicións anteriores.
TED (do inglés, Technology, Entertainment, Design) é unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás “ideas dignas de difundir” e amplamente coñecida polo seu congreso anual e as súas charlas TED Talks, que cobren un amplo espectro de temas como ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento e lecer.
As persoas inscritas no concurso e pertencentes á comunidade universitaria (alumnado, PDI e PAS) poden participar nun obradoiro de subtitulado que se desenvolverá os días 3 e 4 de outubro de 2023 entre as 16.30 e as 18.30 horas a través de Microsoft Teams. A inscrición, de balde, debe realizarse a través da Secretaría Virtual da USC. Todas as persoas que participen no obradoiro e entreguen os seus subtítulos antes da data límite recibirán un diploma de asistencia á actividade, así como unha constancia da experiencia de tradución e lexendado.
Premios
O xurado do certame concederá tres premios na primeira das modalidades, con contías de 300, 250 e 200 euros para os tres mellores traballos. Na segunda das modalidades, dirixida a persoas alleas á USC, as participantes competirán por dous premios de 300 e 150 euros para as propostas que fiquen en primeiro e segundo lugar, respectivamente. As persoas gañadoras de ambas as modalidades recibirán ademais un diploma honorífico. A resolución co ditame do xurado publicarase no taboleiro electrónico da USC.

PUBLICIDADE