A USC convoca o futuro alumnado a coñecer virtualmente as súas titulacións e servizos

venres, 10 de abril do 2026 S. P.

Os vindeiros 13 e 14 de abril, o alumnado de Bacharelato, Ciclos Formativos de Grao Superior e de 4º de ESO ou calquera outra persoa interesada poderá coñecer de maneira virtual as titulacións e servizos da USC conectando directamente coas persoas que se encargan de impartir/coordinar estas titulacións e servizos.
Cos Encontros Virtuais na Zona USC preténdese achegar a máxima información ao futuro estudantado universitario sobre todo aquilo que ofrece a USC en Santiago e Lugo, comezando pola oferta de titulacións de grao pero tamén de servizos como a Oficina de Información Universitaria, o Servizo de Residencias ou o Proceso de Preinscrición e Matrícula nas Universidades de Galicia.
A USC explica que “para participar non é preciso inscribirse, unicamente hai que consultar na web dos encontros ou ben o cronograma ou ben premer nos graos ou servizos que interesen e dende aí conectarse no horario que máis conveña co profesorado do centro ou responsable do servizo”.
O alumnado que o desexe poderá facer as súas consultas de maneira directa na videoconferencia ou empregando o chat.
Moitas das videoconferencias terán lugar en horario de mañá para que os centros educativos poidan sumarse tamén e algunhas de tarde para facilitar a conexión coas familias.