A USC desenvolve o proxecto InterDixitais’26 para promover a autonomía dixital das persoas maiores

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a desenvolver, no marco dos proxectos de innovación docente en Aprendizaxe Servizo (ApS), o proxecto InterDixitais’26, unha iniciativa interxeracional orientada ao desenvolvemento de competencias dixitais en persoas maiores e á promoción dun uso autónomo, seguro e crítico da tecnoloxía.
O proxecto conta co apoio e a financiamento da Cátedra Institucional Cruz Roja–USC e está coordinado polas profesoras Sonia Valladares Rodríguez, María Julia Diz López e Sabela Mallo, coa participación activa de estudantado dos graos de Robótica, Pedagoxía e Criminoloxía da USC.
Segundo explicou a Universidade de Santiago, InterDixitais’26 desenvólvese a través de obradoiros interxeracionais presenciais, impartidos nunha localización diferente á do curso anterior, nos que se abordan cuestións clave do día a día dixital, como a seguridade na rede e a prevención de estafas, a compra de billetes en plataformas de transporte, a adquisición de entradas de lecer en contornos dixitais próximos ou o uso de axentes conversacionais na vida cotiá.
A sesión final, prevista para o 20 de abril, estará dedicada á exploración de ferramentas como Alexa ou ChatGPT, co obxectivo de achegar tecnoloxías emerxentes ás persoas maiores como apoio á súa autonomía e participación social.
A USC engade que “InterDixitais’26 dá continuidade ao proxecto InterDixitais, consolidándose como unha experiencia de referencia en Aprendizaxe Servizo na Universidade de Santiago, ao combinar formación académica, compromiso social e cooperación interxeracional”. A iniciativa insírese nas liñas de actuación da Cátedra Cruz Vermella USC orientadas á loita contra a soidade non desexada, o idadismo e as brechas dixitais, reafirmando o compromiso da Universidade cunha educación superior socialmente responsable e con impacto real na comunidade.