A USC distinguirá o empuxe innovador feminino co terceiro Concurso Innovatia 8.3

xoves, 30 de xullo do 2020 S. P.

Alumnado do grao de Robótica do Campus de Lugo nunha imaxe de Santi Alvite

Recoñecer e visualizar as importantes (e imprescindíbeis) contribucións das mulleres á innovación e ao emprendemento. Este é o gran obxectivo do Concurso Innovatia 8.3, que se chega á súa terceira edición e que terá aberto o prazo de presentación de proxectos até o 8 de setembro (as solicitudes poden facerse a través dun formulario en liña). O certame vén da man da Universidade de Santiago e mailo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades.
O seu obxectivo concreto é “distinguir a empresas sobre proxectos innovadores liderados por mulleres e creados co apoio das universidades ou Organismos Públicos de Emprego (OPI)”.
Poderán participar no certame aquelas mulleres que creasen empresas con presenza maioritaria de mulleres no seu Consello de Dirección ou Consello de Administración e que fosen postas en marcha co apoio dalgunha das universidades españolas ou dos OPI. O concurso tamén busca promover a igualdade de oportunidades entre persoas de ambos os dous xéneros no ámbito universitario e tecnolóxico.
As empresas candidatas optarán a dous galardóns. Por unha banda, o premio ao proxecto empresarial de base tecnolóxica dotado con 10.000 euros; e pola outra, o premio a proxecto empresarial startup dotado con 7.000 euros. En ambos os dous casos, a antigüidade das iniciativas que se presenten non pode superar os cinco anos. Cada contribución participante poderá recibir como máximo un premio.
O comité avaliador terá en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto; o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor formado por mulleres e homes; así como ter en consideración políticas de igualdade, na actividade da empresa.

PUBLICIDADE