A USC e a Deputación de Lugo volven xuntar forzas para captar talento e fomentar a I+D

mércores, 13 de febreiro do 2019 Redacción

De esquerda a dereita, Valcárcel, Méndez, López e Campos, no lugués Pazo de San Marcos

A Deputación de Lugo vén de dar unha nova mostra de apoio á Universidade de Santiago, cuxo campus na cidade da Muralla é un referente en excelencia formativa e investigadora. Segundo veñen de informar as dúas entidades, a entidade provincial vai financiar con 350.000 euros o desenvolvemento de accións formativas, de divulgación, de emprendemento e de I+D. Amais, vanse impulsar accións para captar novo talento no Campus de Lugo.
Estes e outros datos foron dados a coñecer con motivo do convenio ratificado entre o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da Deputación, Darío Campos, un acordo que “prolonga a xa estreita colaboración entre as institucións”, sinalaron, e que se materializou estes catro anos en cinco millóns de euros investidos da man da entidade provincial.
Na cita tamén participou a alcaldesa, Lara Méndez, quen lembrou que “o apoio das administracións políticas lucenses ao campus é total”, engadindo que a cidade universitaria lucense ten “unha vital importancia para a sociedade local, como o proba o feito de que a súa actividade está a xerar na actualidade un volume de negocio aproximado de tres millóns de euros”.
Pola súa banda, o reitor, Antonio López, que estivo acompañado pola vicerreitora de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel, reiterou publicamente o agradecemento da USC ás institucións políticas luguesas polo seu “importante e xa dilatado apoio”.
O novo acordo de colaboración asinado entre a USC e a Deputación Provincial de Lugo para o exercicio académico 2018-19 contempla entre outras cousas un plan de bolsas para sufragar a metade dos gastos de matrícula de estudantes de primeiro curso en títulos de grao con problemas de demanda. Ademais desta medida, inclúense tamén actividades diversas para promover Lugo como como cidade universitaria, favorecendo a súa progresiva internacionalización. Neste punto, está previsto pór en marcha actividades que melloren o coñecemento e a capacitación da lingua inglesa tanto do colectivo docente e investigador como do resto do persoal do Campus de Lugo, a fin de favorecer así a captación de más alumnado internacional.
O apoio á realización das prácticas de campo do alumnado (actividades curriculares encamiñadas a potenciar a formación do alumnado de títulos de grao, e tamén dos universitarios sénior), constitúe outro dos cometidos recollidos neste convenio, a través do que a Deputación de Lugo habilita unha partida orzamentaria duns 40.000 euros para o mantemento e potenciación dos posgraos e mestrados impartidos pola USC no Campus de Lugo.
Amais, o acordo abrangue o impulso da docencia semipresencial e a distancia a través da implantación de equipamentos e servizos tecnolóxicos acaídos para, en palabras da USC e a Deputación, “atender e dar resposta á crecente demanda experimentada neste eido”.
Por outra banda, porase o foco no fomento da divulgación científica e académica e na captación de novos talentos, a través de iniciativas xa consolidades como o son A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, XuvenCiencia, DivulgaTerra, e tamén mediante a organización de congresos, seminarios ou charlas. O programa inclúe ademais importantes achegas económicas destinadas ao mantemento e á mellora das infraestruturas deportivas, docentes e culturais da sede universitaria luguesa.

PUBLICIDADE