A USC e a UVigo impartirán o vindeiro curso un mestrado oficial sobre drons

mércores, 23 de maio do 2018 Redacción

O Aeródromo de Rozas acolleu hoxe o acto de presentación do Mestrado Oficial Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, unha contribución formativa que se dirixe a fornecer ao sector de profesionais cualificados para o deseño, fabricación, certificación, operación e mantemento deste tipo de sistemas e tecnoloxías aéreas (UAV, drons e toda a tecnoloxía de control, manexo, seguimento e xestión dos datos que os acompaña). Segundo se fixo saber, o mestrado será impartido o vindeiro curso polas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, concretamente pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
O acto contou coa asistencia de Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Higinio González, coordinador do mestrado por parte da Universidade de Vigo; Tomás Cuesta, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría; Mª Luz Gil, coordinadora do mestrado por parte da Universidade de Santiago de Compostela; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), e Neves Seoane, responsábel do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.
Segundo explicaron, o Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un posgrao oficial de carácter presencial que está estruturado en 60 créditos ECTS e que se imparte ao longo dun curso académico. O posgrao, “de marcada orientación profesional”, arrancará no curso 2018/2019 cun límite de 24 prazas, considerándose o perfil de ingreso recomendado calquera grao en enxeñaría ou física. A actividade formativa contará con dúas especialidades, unha de aplicación na xestión dos recursos da terra, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e outra de enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados, liderada pola Universidade de Vigo.
Haberá prácticas obrigatorias de dous meses para todo o alumnado en empresas, centros de investigación e centros tecnolóxicos, sendo xa máis de 30 as entidades que apoian a posta en marcha deste programa oficial de posgrao.

PUBLICIDADE