A USC e o Instituto Español de Estudos Estratéxicos organizan un mestrado en ciberseguridade e ciberdefensa

xoves, 16 de setembro do 2021 S. P.

O Centro Mixto de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Español de Estudos Estratéxicos organizan o Máster en Ciberseguridade e Ciberdefensa, dirixido por Luis Míguez Macho. Segundo informan, o mestrado ten aínda varias prazas libres para formalizarmos a matrícula, cuxo prazo remata o vindeiro 30 de setembro. A data de inicio da formación, que se vai levar a cabo en formato en liña, é o 7 de outubro.
A matrícula está bonificada pola FUNDAE, polo que persoas autónomas e traballadoras por conta allea poderán financiar o mestrado a través das cotas de Formación Profesional. Esta actividade formativa vai especialmente dirixida a graduados universitarios, oficiais egresados de academias militares ou de seguridade e equivalentes.
Pode solicitar máis información na caixa de correos de correo electrónico ceseg@usc.es.
Entre os obxectivos do mestrado figuran os que citamos a continuación:
-Coñecer os aspectos nucleares que vertebran as estratexias de ciberseguridade e ciberdefensa, así como os aspectos éticos e legais necesarios para comprender o funcionamento e alcance das ferramentas dispoñíbeis.
-Coñecer os sistema de xestión de seguridade da información.
-Establecer estratexias de seguridade ante ameazas: detección do risco, pentesting, análise do malware, resiliencia e recuperación.
-Coñecer as características básicas e a iniciación no ámbito da ciberintelixencia a través das súas dinámicas de traballo.
-Coñecer cales son os mecanismos de ciberataque e identificar as vulnerabilidades propias fronte a eles.
-Comprender o funcionamento dos mecanismos concernentes aos conflitos híbridos relacionados cos ámbitos da ciberseguridade e ciberdefensa, así como as operacións no ámbito do ciberespazo.

PUBLICIDADE