A USC avoga por garantir contornas dixitais seguras para os menores
martes, 23 de xuño do 2026
A Facultade de Psicoloxía da USC acolleu esta mañá a xornada Menores e redes sociais. Non hai Benestar sen Benestar Dixital, que inauguraron a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras e o secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa, acompañados do secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa; a directora xeral de Ordenación Educativa da Xunta, Judith Fernández; e a delegada do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, Francisca Sureda. Lembrouse que o 51,6% dos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria xa ten móbil e deles o 78% xa dispón dalgunha rede social.
No transcurso da xornada recordouse tamén que a posesión dun móbil xa é case total (98%) en 4º da ESO e antes de cumprir os 14 anos o 86% está nalgunha rede social e que o 8,9% dedica máis de 5 horas diarias ás redes sociais durante a semana e o 19,9% durante a fin de semana.
Estes son tan só algúns dos datos que figuran no estudo Infancia, adolescencia e benestar dixital, cuxa dirección científica correspondeu ao equipo do profesor da USC Antonio Rial Boubeta e no que participaron 100.000 adolescentes e 7.500 profesoras e profesores de toda España.
Os resultados do traballo (enmarcado no proxecto Infancia Digital coa participación de UNICEF España, a USC, a entidade pública Red.es do Ministerio de Transformación Dixital e o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñería Informática que preside Fernando Suárez, presidente do CPEIG) centralizaron de feito boa parte da xornada.
En palabras do profesor Rial Boubeta, “sen pretender demonizar a tecnoloxía, a evidencia advirte que o uso cada vez máis temperá, frecuente, intensivo e sen supervisión dalgunhas aplicacións ou plataformas dixitais non resulta inocuo na infancia e na adolescencia, mermando a saúde física e mental, o desenvolvemento cognitivo e a convivencia escolar e familiar”. E advirte: “Responsabilizar a nenas e nenos ou ás súas familias desta deriva negativa non resulta xusto. A industria ten tratado moitas veces os cativos exclusivamente como clientes, en lugar de como persoas vulnerables, ás que se debe protexer desde o propio deseño”.
No informe ponse de manifesto que aproximadamente un de cada dez adolescentes en España sufre algún tipo de adición comportamental ou “sen substancia”, ben sexa relacionada co xogo, os videoxogos ou as redes sociais, o que lo converte “nun preocupante problema de saúde pública, recoñecido oficialmente pola OMS”. Ademais, o uso problemático de redes sociais, apuntaron, implica unha perda de calidade de vida de polo menos entre o 10% e o 15%, multiplica por 3 as taxas de malestar emocional (ansiedade, somatización e depresión) e por 4 o risco suicida.
Outros problemas apuntados na xornada son as taxas de violencia filioparental, que chegan a multiplicarse por 4 entre aqueles adolescentes que presentan por exemplo un Trastorno por Uso de Videoxogos ou o consumo de pornografía, que un de cada dez adolescente realiza todas las semanas.
Lembraron tamén que a idade de inicio de consumo de pornografía sitúase nos 11,5 anos, exercendo un papel modulador de condutas e actitudes desde a nenez. “O consumo frecuente de pornografía pode chegar a supor unha interferencia seria en diferentes esferas vitais de polo menos 1 de cada 5 adolescentes que a consumen”, advertiu Rial, engadindo que “malia que a protección dos menores na contorna dixital forma parte xa da axenda política a nivel local, autonómico, estatal e internacional, cun posicionamento oficial por parte da UE e de moitos dos seus estados membros en favor dunha regulación seria e valente da contorna dixital, as administracións non foron quen aínda de procurar solucións axeitadas”.
Todas estas reflexións foron compartidas polas diferentes persoas expertas na materia, como o profesor da Universidade de Lausanne (Suiza) Joël Billeux, un dos principais referentes científicos a nivel mundial do eido das adiccións e coordinador do grupo de traballo creado recentemente pola OMS neste ámbito.
A xornada rematou coa presentación do libro Handbook of Non-Substance Addictive Behaviors, que consta de 27 capítulos onde se abordan dende aspectos teóricos, clínicos e epidemiolóxicos relacionados con estas novas adiccións, ata aspectos relacionados cos correlatos cerebrais e de neurodesenvolvemento, relacionados co uso intensivo e temperá da tecnoloxía, o consumo de videoxogos, a pornografía, ate o papel das familias a nivel preventivo. Este manual foi coordinado dende a USC polo profesor Rial Boubeta, en colaboración con máis de 60 expertos internacionais referentes na materia. Foi financiado exclusivamente con fondos públicos e está dispoñible na súa versión dixital para profesionais e investigadores de todo o mundo, sendo de libre acceso para toda a cidadanía.
