A USC fará encontros virtuais para darse a coñecer entre os futuros estudantes

xoves, 2 de abril do 2020 Redacción

JPEG - 110 KB
O Campus Sur de Santiago, baleiro de estudantes por mor da crise sanitaria nunha imaxe de Santi Alvite

Do 6 ao 8 de abril, a Universidade de Santiago vai realizar unha serie de encontros virtuais para facer online o que non é posíbel facer de maneira presencial, por mor do Estado de Alarma e das medidas restritivas da loita contra a pandemia: as actividades destinadas a dar a coñecer os seus estudos ao alumnado preuniversitario. A través dunha web específica desenvolveranse unha serie de obradoiros, videoconferencias, chats, concursos e desafíos específicos para orientar, en palabras da USC, “a aterraxe universitaria” das mozas e mozos procedentes de estudos previos.
Os Encontros Virtuais da Zona USC tamén permitirán amosar outra información de interese relativa a instalacións, equipamentos científicos e tecnolóxicos e demais servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria e do conxunto da sociedade.
Os estudantes poderán acceder á bitácora virtual da Zona USC a través dunha ligazón de Internet que os seus respectivos centros educativos remitirán aos seus enderezos de correo electrónico. Nesta web, que xa estará operativa a partir do sábado 4 de abril, o alumnado terá acceso a información e á programación académica dos títulos de grao da USC, así como a material audiovisual diverso para complementar o coñecemento do título ou títulos que resulten do seu interese.

PUBLICIDADE