A USC impulsa un estudo para determinar o potencial dos móbiles como recursos de inclusión para desempregadas

xoves, 20 de outubro do 2016 Redacción

A investigadora da USC Yolanda García vén de pór en marcha un estudo sobre o emprego de dispositivos móbiles como recursos de inclusión social para mulleres desempregadas de longa duración. A investigación, desenvolvida en colaboración coa School of Social Welfare da Universidade estadounidense de California (a UCBerkeley, na que se atopa traballando Yolanda cunha bolsa posdoutoral), levarase a cabo cunha base de dúas ducias de mulleres desempregadas de oito concellos galegos. Yolanda García é investigadora do grupo Gist-Idega da Universidade de Santiago.
Segundo informa a USC, a investigadora galega está a coordinar un grupo interdisciplinar no que participan xeógrafos, enxeñeiros informáticos, traballadores sociais e psicólogos, “que coa información acadada pretenden abrir unha reflexión sobre as vantaxes e limitacións deses instrumentos tecnolóxicos para as terapias psicosociais”.
Na base do estudo sinálase que os móbiles “permiten superar os atrancos de comunicación” e con eles “podemos dar respostas inmediatas de atención psicoterapéutica a calquera persoa en calquera lugar, pero tamén a persoas con problemas sociais, de saúde mental, física u outras”, explica a investigadora. Malia estes e outros beneficios, a propia investigadora tivo ocasión de comprobar (xunto cos tamén investigadores A. Aguilera, da Universidade de California, Carlos Ferrás, da USC, e A. Rocha, da Universidade de Coimbra) a escaseza de investigacións con colectivos vulnerábeis coma os devanditos, coa excepción dos estudos desenvolvidos en Estados Unidos, onde se empregan estas tecnoloxías tanto no traballo social como no da psicoloxía clínica.
Na investigación impulsada por Yolanda García colaboran tamén a Consellaría de Familia e Benestar Social e os servizos sociais dos concellos de Brión, Ames, Teo, Rois, Santa Comba, Ordes, Cerceda e Padrón aos que pertencen as mulleres.

PUBLICIDADE