A USC investiga a interacción das persoas coa natureza a través do estudo das redes sociais

mércores, 16 de setembro do 2020 Sonia Pena

Un estudo no que participa o profesor da USC Sebastián Villasante vén de analizar datos das redes sociais Instagram e Twitter en tres áreas de estudo de índole medio-ambiental: a Gran Barreira de Coral, as Illas Galápagos e a Illa de Pascua. O obxectivo é tirar proveito dos ditos servizos-comunidades de comunicación para analizar os servizos ecosistémicos culturais, ou sexa, os beneficios non materiais que as persoas reciben da natureza e as súas respectivas interaccións cos devanditos ecosistemas.
Para o estudo empregouse a metodoloxía de abordar as redes sociais como un sistema de elementos relacionados cos grupos de cancelos asociados ás publicacións. Segundo reflicte a USC, os resultados da investigación indican que a análise de cancelos aplicando a teoría de grafos proporciona información adicional respecto ao estudo do contido fotográfico, xa que a teoría de grafos permite identificar o discurso emerxente nas publicacións relacionadas cunha área natural. “Este discurso emerxente inclúe non só as principais actividades realizadas polos usuarios, ou as especies e paisaxes valoradas, senón tamén as emocións e sentimentos que as persoas vinculan con estas áreas”, explica o profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
O artigo Using graph theory and social media data to assess cultural ecosystem services in coastal areas: Method development and application, no que toman parte, alén da USC, investigadores do Instituto mixto entre a Universidade das Illas Baleares e o Consello Superior de Investigacións Científicas, acaba de ser publicado na revista Ecosystem Services.
Villasante, a respecto da investigación e das novidades que pon en xogo, lembra que gran parte dos estudos poñen o foco no uso dunha única plataforma de redes sociais e na análise do seu contido fotográfico para avaliar a percepción que ten a sociedade da natureza, pola contra a súa contribución considera datos de diferentes plataformas de redes sociais, “xa que o tipo de usuarios e a información que ofrecen estas plataformas poden mostrar diferentes atributos dos servizos ecosistémicos culturais”. Así, Instagram considérase unha rede de sentimentos positivos e de actividades recreativas, mentres que Twitter destaca polo seu discurso máis crítico, engade.
Os investigadores apuntan a que este tipo de traballos son aptos, pola súa sinxeleza e flexibilidade, para seren adaptados a grandes escalas xeográficas.

PUBLICIDADE