A USC lémbranos mañá a importancia de sermos construtores de tecnoloxía

mércores, 17 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago, a través do seu Centro de Estudos e Documentación Europeos (CEDE), vai organizar este xoves 18 unha actividade para salientar a importancia do noso coñecemento TIC, extensíbel a todas as xeracións aínda que poñendo o foco, especialmente, nas novas xeracións. Trátase da xornada Que pode facer o Código por nós?, enmarcada no programa Codeweek impulsado cada no pola Comisión Europea co fin de achegar a programación e a alfabetización dixital á cidadanía en xeral.
A xornada promovida polo CEDE en Compostela desenvolverase entre as 16.00 e as 18.00 horas na sala 1 do edificio das Facultades de Ciencias Políticas e de Relacións Laborais. Segundo informa a organización da actividade, a asistencia é libre até completar o aforo, e non hai necesidade de inscrición. As persoas que participen recibirán un xustificante do CEDE.
O programa da cita desenvolverase baixo o fío temático do software libre e o código aberto, por ser estes ámbitos os que máis e mellor definen o espírito participativo actual arredor da programación creativa e sen cancelas. Neste senso, a sesión achegará coñecementos básicos sobre o código fonte, conceptos de linguaxes de programación para persoas sen coñecementos previos e reflexionará sobre a importancia da liberdade no software. Intervirá persoal do CEDE e o enxeñeiro informático Rafael Rodríguez Gayoso ex coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego (CIXUG) e que actualmente preside a asociación MeLISA para a promoción do software libre.

PUBLICIDADE