A USC lidera a Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, que prepara para 2026 o primeiro congreso estatal
mércores, 15 de outubro do 2025

- Fotos da xuntanza de traballo de Santi Alvite (USC)
O Instituto de Humanidades da USC (iHUS) e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico desenvolveron este martes 14 de outubro no CEA (Centro de Estudos Avanzados, Finca de Vista de Alegre) unha xornada para poñer en común as redes de traballo e estudo da filosofía que existen sobre a Intelixencia Artificial.
A xuntanza inaugurouna a vicerreitora de Titulacións, María José López Couso, e nela participaron a directora do iHUS, Laura Lojo, o decano da Facultade de Filosofía, Xavier Donato, e o vogal asesor na Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, Luis Cueto-Álvarez.
Na xornada deuse a coñecer a recentemente creada Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial (reFIA), que coordina o propio Donato e que naceu con vocación interdisciplinar e transversal ao integrar máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA. A rede reúne especialistas de múltiples disciplinas como filosofía, comunicación, educación, filoloxía, psicoloxía, dereito, antropoloxía e investigación tecnolóxica.
Como obxectivos principais, a rede proponse a “promoción e difusión dos estudos filosóficos sobre IA desde distintas perspectivas, fomentando o diálogo intelectual e o intercambio do coñecemento, así como trasladar os seus debates e conclusións ao conxunto da sociedade española”, informou a USC, engadindo que para superar estes retos organizará reunións científicas con especialistas de múltiples áreas de coñecemento e ten previsto presentarse ás convocatorias competitivas que teñan como obxectivo o financiamento de proxectos e grupos de investigación no ámbito de estudo.
Amais, a rede formúlase como cometido o impulso da transferencia do coñecemento filosófico sobre a IA cara á sociedade, ás institucións educativas, aos medios de comunicación, ao sector tecnolóxico e aos responsables políticos, “contribuíndo así a un debate público informado e a unha toma de decisións máis crítica e fundamentada", explican.
Baixo o amparo do iHUS que dirixe a catedrática Laura Lojo, a rede prepara para 2026 o I Congreso Nacional de Filosofía da Intelixencia Artificial, que congregará un centenar de investigadores e investigadoras internacionais para reflexionar sobre os retos e problemas asociados á IA, o seu papel nas humanidades, así como na configuración de futuros escenarios sociais e culturais.
Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio explicou no encontro en Santiago as políticas públicas e as redes e proxectos de IA que están a apoiar e desenvolver, como por exemplo a iniciativa AI Assemble, concibida para explorar as implicacións da IA nun mundo rural e na sostibilidade territorial, as accións no campo da industria creativa dixital que afectan a produción cultural española ou distintos proxectos do programa Horizonte Europa.
