A USC mostra a eficacia do vídeo-modelado e as lentes intelixentes nas competencias enfermeiras
mércores, 15 de outubro do 2025

- Fotos do desenvolvemento do proxecto de Santi Alvite (USC)
Os días pasados chegou ao seu remate o proxecto europeo ClinicalModelling, unha iniciativa Erasmus+ desenvolvida en colaboración con nove institucións de España, Portugal, Polonia e Eslovenia que consolidou o vídeo-modelado, o automodelado e as lentes intelixentes como unha metodoloxía transformadora na educación sanitaria, cun claro potencial para unha adopción máis ampla en toda Europa. No proxecto participou durante dous anos a Facultade de Enfermería da USC.
No proxecto involucráronse activamente máis de 230 estudantes de enfermería das catro universidades europeas participantes, cuns resultados que en palabras dos investigadores “reflicten unha avaliación altamente positiva por parte de profesionais sanitarios e docentes”, que subliñan “a eficacia do vídeo-modelado para reforzar as competencias enfermeiras, fomentar a aprendizaxe autónoma e mellorar a autoavaliación do desempeño profesional”.
Durante a fase de aplicación na USC, o alumnado de Enfermería aplicou estas metodoloxías na aprendizaxe de procedementos clínicos baixo a guía dos docentes David Rey Bretal e Lucía Antelo Iglesias e co apoio da xestora de proxectos Noelia Gerbaudo González.
Indicaron que os resultados da pilotaxe reflicten “melloras significativas na adquisición de habilidades técnicas, a precisión na execución, a comprensión estruturada dos procedementos clínicos e o desenvolvemento de autonomía, confianza e participación activa no proceso formativo, demostrando o potencial do enfoque para fortalecer o ensino práctico en enfermería”.
Para estender o alcance do proxecto o consorcio ten previsto poñer a disposición da comunidade académica e profesional un conxunto de recursos educativos abertos, deseñados para integrarse en programas de grao e posgrao de Ciencias da Saúde que “contribúan á mellora da calidade formativa e ao fortalecemento da cooperación académica europea”.
Entre estes recursos destaca unha extensa biblioteca audiovisual composta por máis de 80 vídeos especializados, superando amplamente o obxectivo inicial do proxecto. Estes materiais inclúen contidos intraoperatorios e procedementos enfermeiros gravados en contornas hospitalarias dos catro países participantes que abranguen desde técnicas cirúrxicas avanzadas ata rutinas de seguridade, asepsia e preparación da contorna cirúrxica.
“Os vídeos”, sinalaron os investigadores, “ofrecen unha visión inmersiva e detallada de cada proceso, converténdose en ferramentas de alto valor pedagóxico tanto para a formación especializada como para a educación en competencias enfermeiras”.
A dimensión internacional de ClinicalModelling consolidouse en setembro do 2025 coa reunión de socios celebrada na Universidade de Liubliana (Eslovenia), que marcou o peche do proxecto con dous eventos internacionais con representación da USC. Neles, leváronse a cabo sesións de traballo colaborativas dedicadas a analizar os avances acadados e definir estratexias cara o futuro.
A nivel local, recentemente na Facultade de Enfermería da USC difundíronse os resultados globais do proxecto e amosáronse exemplos de éxito da súa aplicación en hospitais e universidades europeas. O PDI responsable do proxecto na USC, Manuel Gandoy Crego e Raquel Rodríguez González, destacou que “este enfoque innovador reforza a formación clínica nun entorno sanitario cada vez máis complexo e esixente”.
