A USC oferta un posto de traballo para labores de informática

venres, 21 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

Se nos tempos que corren non é habitual atopar un posto de traballo aceptable que se adapte ao noso currículum aínda estando dispostos a viaxar a outras comunidades do Estado ou incluso ao extranxeiro, menos aínda o é dar cunha oferta laboral para executar proxectos de investigación practicamente ao lado da nosa casa.
Pois ben, o Grupo de Investigación Galabra (de Estudos nos Sistemas Culturais Galego-Luso-Brasileiro e Africanos de Lingua Portuguesa) da Universidade de Santiago de Compostela, vén de facer posible que a segunda opción sexa unha realidade a lo menos para unha persoa do noso país, xa que demanda (a través de Mancomun) un traballador ou traballadora cualificada para a adaptación e xestión dunha páxina web (html), que ademais sepa construir, normalizar e encher bases de datos (X/LAPM, php, sql, openoffice).
As persoas aspirantes ao posto deben ter algunha titulación media ou superior (Formación profesional, Ciclo Superior ou Licenciatura) así como coñecemento acreditado ou acreditable en administración e programación de sistemas informáticos.
Asemade, polas características do posto a cubrir, débense demostrar coñecementos en SO baseados en software libre (Unix/Linux, Ubuntu, Debian…), en programación en contornos Apache-MySQL-PHP e en plataformas e-learning, entre outras, así como capacidade para traballar en equipo.
Nos criterios de selección, os responsables de Galabra valorarán positivamente o coñecemento de portugués e inglés das persoas aspirantes, e ofrecerán un contrato de 3 meses prorrogables cunha remuneración de 957 euros netos mensuais.
As persoas interesadas teñen de prazo ata o 31 de xaneiro para enviar os seus CV a felisa.prado@usc.es.

PUBLICIDADE