A USC organiza un Minervaton para conmemorar a semana do acceso aberto

xoves, 26 de outubro do 2017 Redacción

A Universidade de Santiago de Compostela súmase ao longo destes días á décima edición da Semana Internacional do Acceso Aberto, unha celebración destinada a promover entre o persoal investigador e as institucións o valor da difusión aberta da produción científica e tecnolóxica. Ou sexa, o valor da información sen cancelas, cen por cen dispoñíbel e compartillábel. A celebración, que se vai estender até o domingo 29, inclúe a primeira convocatoria do que se coñece como Minervaton, unha sesión de arquivado no repositorio Minerva de contidos en aberto publicados polo PDI da universidade compostelá.
O Minervaton virá da man da Biblioteca Universitaria da USC. Minerva, para quen non o saiba, é o punto de acceso único da produción científica da Universidade. Está aberto dende 2014 e, a través del, a comunidade pode consultar as coleccións bibliográficas dixitalizadas e a produción investigadora e docente dos membros da institución docente compostelá. Minerva acubilla, preserva a difunde por esta canle os documentos dixitais resultantes das actividades de investigación e docencia da USC.
Ademais, dentro desta mesma Semana do Acceso Aberto nas vindeiras semanas a BUSC organizará un obradoiro de autoarquivado en Minerva dirixido a Persoal Docente e Investigador. Ademais, o Servizo de Normalización Lingüística elaborou o Glosario básico de acceso aberto (galego-inglés).

PUBLICIDADE