A USC participa nun proxecto que bota man da IA para alertar da presenza de toxinas nas augas
martes, 3 de decembro do 2024
O proxecto AIHABs, no que participa o grupo de Hidrobioloxía da USC, presentou os primeiros resultados dunha iniciativa que aborda o problema das floracións de cianobacterias produtoras de toxinas en augas interiores e costeiras e faino desenvolvendo un sistema de alerta temperá capaz de predicir a aparición e propagación das cianotoxinas usando a Intelixencia Artificial (IA) e as últimas innovacións en modelado matemático, nanosensores e teledetección.
O grupo da USC encargouse da toma das mostras de auga e da identificación dos principais grupos algais, para o que realizou nove campañas de mostraxe no río Miño entre 2022 e 2024, tanto no encoro de Belesar como no esteiro, onde contou coa colaboración dos membros da Comandancia Naval do Miño. Estes traballos foron realizados en coordinación co German Research Centre for Geosciences, Remote Sensing and Geoinformatics (GFZ), encargados de analizar as imaxes hiperespectrais tomadas por diversos satélites e por un dron eses mesmo días para correlacionalas coa concentración de cianobacterias e toxinas.
A USC tamén recompilou as series de datos históricas sobre a climatoloxía e a fisicoquímica do Miño, en colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Meteogalicia, que serviron para alimentar a modelización da conca, realizada polos socios de Technological University Dublin (TUD), e que permite simular o transporte e destino das toxinas.
As mostras, enviadas pola USC ao grupo da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) para a realización das análises xenéticas e de toxicidade, mostraron a presenza de numerosas especies de cianobacterias, así como varios xenotipos diferentes en ambas zonas. Segundo explicaron fontes da Universidade de Santiago acerca da utilidade do proxecto, “a integración destes datos coas imaxes hiperespectrais permite diferenciar as áreas con crecemento de cianobacterias e mesmo nalgúns casos a especie concreta, eido o no que o grupo da Norwegian University of Science and Technology (NTNU) realizou un significativo avance”.
A USC engadiu que o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal ten xa desenvolvido un prototipo autónomo que, unha vez instalado no campo, analizará as cianotoxinas da auga e enviará os datos para axustar as lecturas dos satélites. Finalmente, o grupo da University of South Bohemia (República Checa) traballa nestes momentos no desenvolvemento da IA que, utilizando precisos algoritmos, está a xerar un modelo que integrará as concentracións de ficocianina, clorofila-a e toxinas presentes no medio segundo as imaxes dos satélites coa posíbel perigosidade que presente segundo os datos de modelado da conca, para “predicir o inicio do bloom ou multiplicación explosiva das cianobacterias produtoras de toxinas e, de ser preciso, alertar os equipos xestores dos perigos da presenza de toxinas nas augas”.