A USC presenta tres novas empresas co nexo común de ofrecer tecnoloxías para axudar

venres, 23 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A investigación das nosas universidades está a orixinar ideas innovadoras para mellorar múltiples eidos de actividade e, de maneira complementaria co anterior, propostas empresariais de futuro. Proba disto son as tres novas empresas de alicerce tecnolóxico que vén de presentar en sociedade a Universidade de Santiago, froito do importante traballo despregado polos seus grupos de I+D ao longo do ano que vimos de deixar atrás. Estas iniciativas teñen o nexo común de basear a súa actividade na aplicación de novos achados científicos ou tecnolóxicos para a xeración de servizos que podemos ver e tocar. Trátase de Intera Clean Air (servizos relacionados coa medición do gas radon), AYeconomics (recomendación de políticas en temas socioeconómicos) e DIMElab (asesoramento pedagóxico e serious games para institucións e empresas ligadas á tecnoloxía).
A Universidade de Santiago presentounas esta sexta feira (venres) no Edificio Emprendia, que será precisamente a sede física de AYEconomics e DimeLab e a virtual de Intera. No acto organizado para dalas a coñecer participaron o reitor Juan Viaño, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e o adxunto ao Reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.
Intera
Intera (Innovaciones Tecnológicas del Radón) nace coa vocación de ofrecer solucións de medición e mitigación de gas radon en edificacións tanto de uso residencial como público. A empresa é o resultado da alianza do Radonlab (Servizo de medida e mitigación de gas radon da USC) no que traballan investigadores do Laboratorio de Análise de Radiacións (LAR) e a empresa de enxeñaría da construción Inous para ofrecer solucións globais á concentración do gas radon no interior dos edificios.
AYeconomics
AYeconomics está especializada en investigación de calidade e recomendación de políticas en temas socioeconómicos. A empresa conta con metodoloxías innovadoras que permiten xerar información de valor, cunha menor demanda de datos externos, para realizar as posteriores simulacións de política económica. Segundo os seus impulsores, o devandito é especialmente importante para contornas onde o acceso ás variábeis socioeconómicas ou demográficas é realmente complexo.
DIMElab
Pola súa banda, DIMElab está centrada en boa medida no desenvolvemento e análise de medios educativos. A nova firma foi posta en marcha polo Grupo de Investigación Stellae, integrado por profesionais e investigadoras/es do ámbito docente. Segundo fan saber, a orixe deste proxecto está nas máis de dúas décadas de traballo do GI Stellae (de 1997 á actualidade), unha equipa de traballo moi centrada en formación e desenvolvemento profesional, organización educativa, inclusión, materiais didácticos e tecnoloxía educativa. A súa spin-off envorcará boa parte da bagaxe xerada ao longo dos devanditos 20 anos no ámbito tecnolóxico e dixital. De feito, unha das súas liñas estratéxicas (amais do asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía) será a desenvolver recursos didácticos do tipo serious games (xogos serios para educación e formación).
DIMElab tamén destaca pola realización de probas, análises e testados de produtos didácticos, para tentar garantir que os materiais deseñados para a educación sigan certos estándares de calidade pedagóxica.

PUBLICIDADE