A USC presenta un máster en protección de datos

mércores, 25 de outubro do 2017 Redacción

A Universidade de Santiago presentou onte unha nova actividade destinada a formar estudantes en recursos avanzados para a salvagarda da información. Estamos a falar do Master en tratamento e protección de datos da USC, unha proposta formativa que avanzamos onte en Código Cero e que é a resposta da institución académica compostelá a unhas vindeiras disposicións máis activas e exhaustivas no que seguridade da información se refire: as disposicións do Regulamento Europeo en Protección de Datos (RGPD), do que terán que dar cumprimento administracións, institucións, organizacións e empresas a partir de maio do ano vindeiro.
Segundo informou a USC no acto de presentación, o desenvolvemento do posgrao habilitará ao alumando para certificarse profesionalmente como Delegado de Protección de Datos (DPO), unha nova figura contemplada no Regulamento Europeo e que deberá estar nomeada en todas as administracións públicas (interna ou externamente) e empresas do sector privado que traten datos especialmente protexidos antes de maio de 2018.
A USC tamén lembrou que o regulamento RGPD describe a necesidade de que o responsábel do tratamento de datos aplique medidas técnicas e organizativas apropiadas: “En termos prácticos, requírese que as entidades analicen que datos tratan, con que finalidade o fan e que tipo de operacións levan a cabo; a partir dese coñecemento deben determinar de maneira explícita a forma en que aplicarán as medidas que o RGPD prevé, asegurándose de que son as axeitadas e de que poden demostralo ante os interesados e as autoridades de supervisión”.
O máster contará en palabras da Universidade “cun cadro docente de recoñecido prestixio”e impartirase “cun formato eminentemente en liña e telemático”, o que facilitará o seu seguimento. Achegará tamén tres clases maxistrais, impartidas por responsábeis de institucións e organismos especializados en protección de datos.
Os detalles do novo posgrao, a impartir entre xaneiro e setembro do vindeiro ano, ofrecéronos este martes na Facultade de Dereito a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro; o director do Centro de Estudos de Seguridade de la USC (CESEG), José Julio Fernández; a directora da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira Álvarez; e a directora do mestrado, Luz Mª Ruibal Pereira.

PUBLICIDADE