A USC salienta aos beneficios do deporte contra as adiccións aos dispositivos

venres, 17 de outubro do 2025 S. P.

A actividade física segue a ser unha protección de primeira orde contra os problemas de saúde mental, e, neste punto, os problemas derivados das adiccións aos dispositivos tecnolóxicos non son unha excepción. Así no lo certifica a 2ª edición do Estudo epidemiolóxico sobre adiccións sen substancia (uso e abuso das TIC) e consumo de substancias psicoactivas en poboación universitaria do Campus de Lugo. Segundo esta investigación, a actividade física desempeña un papel protector fronte á nomofobia ou medo irracional a non ter o teléfono móbil ou a estar sen acceso a el.
O traballo constatou, a partir dos resultados dunha enquisa realizada por máis de 800 estudantes durante o segundo cuadrimestre do pasado curso, unha certa tendencia “a perder a noción temporal durante a navegación por Internet” por parte do alumnado universitario.
A este patrón súmase, nunha proporción significativa, o uso da Rede como “estratexia de evasión fronte aos problemas e a interferencia que o exceso de conexión pode xerar no rendemento académico ou laboral”.
Segundo o estudo, o uso problemático da Internet concéntrase maioritariamente na poboación menor de 20 anos. O estudo coordinado por Pablo César Muñoz Carril e Carmen Sarceda Gorgoso e que conta co apoio do Concello de Lugo e do Ministerio de Sanidade, enmárcase dentro da actividade desenvolvida polos grupos de investigación da USC MESTURA e GEFIL.
En canto á frecuencia de conexión, os resultados mostran que a maior tempo diario de conexión, maior frecuencia e intensidade de condutas problemáticas, confirmando a importancia deste factor como preditor de risco. En relación co rendemento académico, obsérvase que un maior desempeño académico asóciase con menores niveis de problematización, especialmente no que respecta ao impacto no rendemento e ao uso da Internet como mecanismo de evasión. A excepción é a perda de control do tempo, que aparece como un fenómeno estendido en todos os grupos (rendemento académico baixo, medio, alto e moi alto), aínda que algo menos pronunciado no alumnado con cualificacións moi altas.
En canto á frecuencia de exercicio físico, apréciase que “un maior nivel de práctica relaciónase cunha menor incidencia de condutas problemáticas, en particular cun mellor control do tempo de conexión e un menor uso da Internet como forma de evasión”.
As e os estudantes que realizan exercicio de forma intensa (especialmente os que o practican a diario) mostran “unha menor vulnerabilidade a condutas nomofóbicas, fronte a aquelas persoas con niveis baixos ou nulos de actividade, que obteñen as puntuacións máis altas”, sinálase.