A USC valida a eficiencia de ChatGPT fronte aos mitos sobre a seguridade das vacinas

xoves, 7 de setembro do 2023 S. P.

Federico Martiñón e Antonio Salas nunha imaxe de Santi Alvite

O ChatGPT, o prototipo de chatbot de Intelixencia Artificial centrado na usabilidade e o diálogo e baseado na aprendizaxe automática, podería contribuír a incrementar o grao de aceptación das vacinas ao desmentir os mitos sobre a seguridade do proceso de vacinación. Iso sosteñen os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón, líderes dun estudo recentemente publicado na revista Human Vaccines and Immunotherapeutics.
Os investigadores formularon ao popular chatbot as 50 preguntas máis frecuentes sobre a vacina contra a COVID-19 baseándose na web sobre vacinación e vacinas contra a COVID desenvolvida durante a pandemia polo Centro Colaborador da OMS en Seguridade Vacinal de Santiago de Compostela. Entre as cuestións propostas incluíanse consultas baseadas en mitos e historias falsas, como por exemplo que atribúe á vacina a causa a COVID de longa duración (Long COVID). A análise da precisión das repostas outorga a ChatGPT unha puntuación media de 9 sobre 10 e puntualiza que, no resto dos casos, “a ferramenta ofreceu tamén datos correctos, malia deixar algúns baleiros na información facilitada”.
Tendo en conta isto, os responsábeis deste estudo liderado dende o Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB), e o Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas (GenVip) con investigadores da USC, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) sosteñen que esta ferramenta de IA é unha “fonte fiábel de información non técnica cara ao público, especialmente para aquelas persoas sen coñecementos científicos especializados”.
A maiores, o traballo desenvolvido bota luz sobre “algunhas cuestións preocupantes en relación co uso da tecnoloxía”, como a posibilidade de que ChatGPT mude as súas respostas en certas situacións. "En xeral, ChatGPT constrúe unha narrativa en liña a partir da evidencia científica dispoñíbel, desacreditando os mitos que circulan nas redes sociais", explica o profesor e autor principal do estudo, Antonio Salas, que engade que “por tanto, pode facilitar un aumento na aceptación da vacina”.
O presente estudo desenvolveuse no seo do Centro Colaborador da OMS en Seguridade Vacinal de Santiago de Compostela, coordinado dende o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) polo profesor Federico Martinón Torres. Os investigadores do centro exploraron os mitos sobre a seguridade das vacinas e sobre aquelas situacións médicas falsamente consideradas como razón para non vacinarse, factores que teñen contribuído á xeración de dúbidas ante o proceso de vacinación. Os investigadores propuxéronse probar a capacidade de ChatGPT para obter datos correctos e compartir información precisa sobre a seguridade da vacina fronte á COVID en concordancia coas evidencias científicas existentes. Esta tecnoloxía permite ás persoas ter conversas e interaccións similares ás humanas cun asistente virtual. Neste contexto, o estudo foi deseñado para desafiar o chatbot facéndolle as preguntas máis frecuentes recibidas polo centro colaborador da OMS en Santiago, arredor de tres liñas centrais. En primeiro lugar, tratáronse os conceptos erróneos en materia de seguridade, como a mencionada vacina causante da COVID de longa duración. A seguir, abordáronse as falsas contraindicacións médicas, como situacións nas que a picada se dicía insegura pese a non selo (como na lactación materna). Finalmente, as preguntas recollían tamén contraindicacións verídicas e casos nos que o persoal sanitario debe tomar precaucións (como, por exemplo, en doentes con inflamación do músculo cardíaco).
A continuación, os expertos analizaron as respostas para despois cualificalas segundo a súa veracidade e precisión fronte á evidencia científica actual e as recomendacións da OMS e outras axencias internacionais. Os autores inciden na importancia deste contraste, “pois os algoritmos creados polas redes sociais e os motores de procura da Internet a miúdo baséanse nas preferencias habituais dun individuo, o que pode dar lugar a respostas nesgadas ou incorrectas”. Os resultados mostraron que a maioría das preguntas foran respondidas correctamente cunha puntuación media de 9 sobre 10, que se define como “excelente” ou “boa”. As respostas proporcionadas por ChatGPT ás tres clases de preguntas foron nun 85,5% precisas e nun 14,5% precisas, pero con lagoas da información.