A USC volve confiar en Coremain o seu servizo de soporte tecnolóxico a usuarios

venres, 11 de xuño do 2021 S. P.

A empresa tecnolóxica Coremain continuará prestando durante un ano máis apoio técnico de primeiro nivel en TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) aos usuarios da Universidade de Santiago (USC), tras facerse efectiva a segunda prorroga consecutiva deste contrato de servizos.
A compañía lembra que dende hai tres anos é a responsábel de atender todas as demandas recibidas a través da área TIC da entidade, coa que interactúan alumnos, persoal docente, administrativo e investigador para resolver calquera incidencia ou consulta técnica sobre os sistemas e servizos de informática e comunicacións.
Para este cometido, Coremain desprega un equipo integrado por oito profesionais que se encarga de rexistrar, clasificar e xestionar todas as avarías e consultas dos preto de 40.000 usuarios dos distintos departamentos, centros de investigación, graos, mestrados e programas da comunidade educativa.
A misión da área TIC é deseñar, planificar, xestionar, administrar e asegurar as infraestruturas e servizos baseados en Tecnoloxías da Información e Comunicación prestados á comunidade universitaria da USC nos ámbitos de docencia, investigación e xestión administrativa.

PUBLICIDADE