A USC xa ten o palmarés do seu I Concurso de Edición da Galipedia
venres, 22 de novembro do 2024
Impulsar a produción e difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia (Wikipedia en galego) nas áreas de Matemáticas, Psicoloxía e Enxeñarías Informática e Química é o obxectivo do I Concurso de Edición da Galipedia, creado a comezos deste ano pola Universidade de Santiago (USC).
O certame, dirixido a toda a comunidade universitaria, promovérono as comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, para premiar a quen editase un artigo ou un conxunto de artigos (ben novo, ben mellorado un xa existente) sobre as materias que se imparten neses centros.
Pois ben, logo de reunirse en días pasados, o xurado acordaba outorgarlle o primeiro premio da categoría de Matemáticas a Antón Figueroa Martínez e o segundo a Pablo Soutullo Parada. Na área de Psicoloxía a gañadora foi Luz Isabel Leirós Lobeiras, e o segundo repartiuse ex aequo entre María Álvarez Ozón e Alba Felpete López. En canto ao eido das Enxeñarías Informática e Química, a gañadora foi Laura Salgueiro Sánchez, mentres que Óscar Mirás Sánchez acadaba o segundo premio.