A UVigo SpaceLab métese de cheo nunha nova misión para pór en órbita o proxecto CORTIS
martes, 10 de decembro do 2024
Os e as estudantes que conforman a asociación UVigo SpaceLab traballan a prol da carreira espacial. Asemade, seguen inmersos no proxecto do cubesat BIXO (sen data concreta de lanzamento) e veñen de anunciar unha nova misión: CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space). Esta proposta, xurdida co apoio da empresa UARX Space, permitiralles testar e comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que posteriormente se implementarán no cubesat BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit).
CORTIS será lanzado en xuño de 2025 como carga secundaria a bordo de OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration), unha plataforma de inxección orbital desenvolvida pola compañía galega UARX Space, que acadará o espazo a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX.
Cómpre salientar que un dos obxectivos do proxecto CORTIS é comparar o desempeño entre un sensor de radiación comercial COTS e outros dous sensores desenvolvidos internamente polo equipo de UVigo SpaceLab. Como explica a coordinadora do equipo e responsábel da Organización e Márketing, Estela Lima, atendendo aos datos que se obteñan en órbita, o equipo poderá seleccionar os sensores que mellores resultados acaden para implementalos en BIXO. Estes sensores, explican dende o equipo, “son de vital importancia para a misión biolóxica do cubesat, xa que nos permitirán saber a canta radiación estarán sometidas as bacterias durante o experimento, polo que será crítico asegurar o seu funcionamento en órbita e logo o procesado deses datos”.
Alén disto, a misión CORTIS tamén permitirá probar o rendemento dunha cámara con flight heritage, coa que agardan obter imaxes do exterior de OSSIE e da Terra. Esta cámara será unha das cargas secundarias que logo levará BIXO, polo que grazas a esta misión “poderemos probar o seu funcionamento en órbita e realizar probas de descarga e procesado das imaxe xeradas”.
A misión, que xorde a raíz de colaboracións previas con UARX Space, está plenamente deseñada polo equipo de UVigo SpaceLab e conta con empresas patrocinadoras que converten os seus deseños en realidade. Máis polo miúdo: o Departamento de Estruturas e Control Térmico estase encargando do deseño e fabricación da estrutura de aluminio anodizado que conterá o hardware no seu interior. Esta plataforma foi fabricada grazas á colaboración coa empresa Precisgal e servirá para protexer todos os elementos que irán no seu interior, amais de ser a ancoraxe ao vehículo de lanzamento.
Pola súa banda, o Departamento de Electrónica está traballando no desenvolvemento do hardware da misión en colaboración con Star Electrónica, onde se integrarán os sensores e a cámara e todos os compoñentes para o seu correcto funcionamento en órbita. O Departamento de Software é o responsábel da programación necesaria para garantir a comunicación e procesamento de datos entre os distintos elementos. En canto ao Departamento de Enxeñaría de Sistemas, é o encargado de expoñer os obxectivos, de definir as fases da misión e do plan de operacións en órbita.
En resumo, este proxecto de UVigo SpaceLab e UARX Space contribúe a posicionar á Universidade de Vigo como un referente no sector aeroespacial galego, á vez que impulsa a formación de talento e a innovación tecnolóxica en Galicia.