A UVigo achegará ao persoal de administración a xestión avanzada de redes sociais e mercadotecnia

martes, 21 de febreiro do 2017 Redacción

Saber xestionar as redes sociais e a mercadotecnia nas empresas e nas institucións é algo vital para comunicarse a través dos medios dixitais a día de hoxe. Tomando boa nota disto, a Universidade de Vigo levará a cabo un curso titulado: Como pode participar o teu servizo/unidade nos medios sociais? Planifica e deseña a túa web e o teu plan de márketing, unha actividade encamiñada ao persoal de administración e servizos co obxectivo de tratar todo o relacionado cos medios sociais de cara ao desenvolvemento do seu traballo á fronte dun centro ou unidade, posto que “todos os servizos utilizan internet como unha fiestra coa que darse a coñecer aos seus usuarios internos e externos”, explica Alfredo Moreno, docente da Universidade Politécnica de Valencia, e un dos encargados de impartir o curso.
A dita actividade, que terá 36 horas de duración e levarase a cabo na sala catro do edificio Miralles, os días 13, 14, 16, 17 e 20 de marzo, posuirá un enfoque práctico. Segundo Moreno, o seminario pretende “concienciar de que se participa dun proxecto común de comunicación e mercadotecnia baixo o acubillo da Universidade de Vigo”, para o cal se ensinarán contidos como deseño web, estratexias de comunicación dixital e xestión de redes sociais. “Coñecer o efecto do que estamos dicindo nunha rede social, ou saber a repercusión do cambio de deseño dunha páxina web, axudará a tomar decisións axeitadas para acadar os nosos obxectivos”, explica o docente. Xunto a Moreno, os profesores Luisa Cerezuela e Daniel Robles, tamén da Universidade Politécnica de Valencia, son os outros dous especialistas en medios sociais, identidade dixital e deseño gráfico.
Na actividade formativa farase fincapé en recursos para facer seguimento resultados nas devanditas plataformas, para obter coñecementos sobre arquitectura da información nunha web e sobre como xestionar canles de comunicación instantánea como Telegram ou Whatsapp. O obxectivo é “que cada unidade de servizos da Universidade participe e xestione de maneira eficiente as súas redes sociais e que saiban planificar, executar e medir as accións de comunicación e márketing”.
O prazo de inscrición do curso, que se impartirá en horario de 08.30 a 14.30 horas e que ten un máximo de 30 prazas, ficará aberto até o 24 de febreiro, e poderá formalizarse a través da plataforma dixital Bubela.

PUBLICIDADE