A UVigo acolle un obradoiro de aplicacións de Realidade Virtual para axudar aos estudantes en situacións de estrés
mércores, 13 de xullo do 2022
Unha
vintena de estudantes da Lodz University, das universidades
politécnicas de Lodz e da Tartu Unikool de Estonia e da UVigo
participan ata este xoves na
Universidade de Vigo na Escola de Verán do proxecto Erasmus+
VRxanny, Virtual Reality for anxiety and mental stress reduction
in university students, unha
actividade formativa que convida ao alumnado a presentar proxectos de
relaxación en situacións académicas de estrés. Estes proxectos
converteranse en contornas de Realidade Virtual.
Acompañados
de docentes das súas respectivas universidades, as e os estudantes
proceden de titulacións de todos os ámbitos do coñecemento. “O
proxecto VRxanny busca mellorar a experiencia daqueles
estudantes que o pasan mal cando teñen que pasar exames ou probas
nas que defenden o seu traballo previo. Queremos proporcionar unha
aplicación de Realidade Virtual (VR) que lles poida axudar a
relaxarse e a asistir ao exame cun menor nivel de estrés”, explica
o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións
da UVigo, Íñigo Cuiñas.
Manuel
Fernández Iglesias, Manuel Caeiro, Itziar Goicoechea, Enrique Costa
Montenegro e Íñigo Cuiñas, promotores de VRxanny na UVigo, apostan
por implicar ao alumnado no desenvolvemento das
iniciativas-propostas, tanto a través da realización dunha enquisa,
como participando no deseño deses escenarios para a aplicación de
RV. “Para a captación do alumnado, abriuse unha convocatoria desde
a web do proxecto, con base na universidade de Lodz, na que tiñan
que se inscribir, proporcionar o seu currículo e subir un pequeno
vídeo explicando porque querían participar”, sinalan os docentes
e investigadores da UVigo, que lembran que as 20 mozas e mozos
seleccionados quedaron distribuídos en cinco equipos, que elaborarán
as propostas que se empregarán nos vindeiros meses de proxecto.
Na
escola de verán, o alumnado aprenderá a empregar a metodoloxía do
deseño intelixente (Design Thinking),
unha técnica centrada nas persoas e na que o importante non é a
solución en si mesma, senón o usuario final e a súas
satisfaccións, para a través dela, desenvolver os seus proxectos.
A
escola de verán arrincou este martes 12 na EE de Telecomunicación
cun obradoiro da primeira parte de Design Thinking, a empatía.
Este mércores as e os participantes terán que interactuar con
outros mozos e mozas alleos ao proxecto, para saber como reaccionan
ante os exames e que cousas lles estresan e cales os relaxan. Esta
actividade desenvolverase aproveitando unha visita ás illas Cíes. O
terceiro día os estudantes “regresarán ao campus para definir
solucións baseadas no que aprenderon falando con outra persoas e cos
resultados da enquisa previa”, detalla Cuiñas, que explica que os
resultados dos traballo do alumnado “serán as entradas para o
traballo do grupo de investigadores a cargo do deseño e programación
das contornas”.
Esta
primeira escola de verán terá continuidade nunha segunda edición,
na que se probarán as aplicacións de Realidade Virtual que se
programen e que se celebrará, con toda probabilidade, entre maio e
xullo do ano que vén en Polonia.
