A UVigo acolle un seminario sobre o alto poder de transformación do Big Data e a Internet das Cousas

venres, 24 de xaneiro do 2020 Redacción

A Escola de Enxeñería Industrial da UVigo acollerá o vindeiro mércores 29 de xaneiro unha xornada organizada pola sección española de ISA (International Society of Automation). A sesión xirará arredor de cuestións tecnolóxicas candentes e de enorme potencial para solucionar boa parte das problemáticas que máis preocupación xeran na sociedade: a Internet das Cousas (IoT), a análise da información a gran escala (Big Data) ou a Intelixencia Artificial. Titulada EL IoT, los datos y la inteligencia artificial como corazón en la industria 4.0, será impartida por Juan de la Peña, enxeñeiro informático con máis de dez anos de experiencia no sector da automatización industrial en Siemens e actualmente experto en IoT e Intelixencia Artificial en Microsoft.
Tras a intervención de Juan de la Peña desenvolverase unha mesa redonda na que participarán representantes do mundo empresarial e académico xunto con Ricardo Fernández, vogal de Actividades da sección española de ISA.
A xornada desenvolverase o vindeiro mércores no salón de actos da Escola de Enxeñería Industrial, na sede campus, a partir das 16.00 horas. Aínda que é unha actividade de balde, a organización lembra que é preciso inscribirse por cuestións de aforo. No equipo impulsor atópase o profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, Ignacio Armesto, quen lembraba onte que xa está confirmada a presenza de preto dun centenar de asistentes.
A xornada distribúese en dous bloques. No primeiro deles, da man do representante de Microsoft, analizarase como as novas tecnoloxías están xerando impactos no tecido industrial. Durante o relatorio analizaranse varios exemplos prácticos das distintas disciplinas para entender o potencial destas tecnoloxías. Entre outros fitos, explicarase como conectar con IoT varias plantas repartidas por todo o mundo ou como os bots van ser uns dos interfaces (HMI) do futuro.
Outro dos puntos de interese da sesión será a converxencia entre o as Tecnoloxías da Información (IT) e as Tecnoloxías da Operación (OT), así como o papel dos datos como fonte de poder para tomar decisións moito máis acertadas ou xerar novos modelos.
A segunda parte da xornada consistirá nunha mesa redonda con representantes de empresas como Pablo Parrado, de Siemens; Juan Jesús Pardo, de TecdeSoft Automation; Antía Fernández, de Gradiant; José Juan Blanco, de Ecomanagement Technology e Siemens, así como Miguel Díaz, da Escola de Enxeñaría Industrial.

PUBLICIDADE