A UVigo afiánzase como referente europeo en tecnoloxías criptográficas avanzadas

xoves, 18 de setembro do 2025 S. P.

A Comisión Europea elixiu este verán un proxecto coordinado pola UVigo para representar a Europa na Expo Osaka 2025, evento internacional no que participan máis de 150 países e organizacións e cunha proxección estimada de 28 millóns de visitantes. A cita, que arrancou en abril e prolongará ata outubro, desenvólvese baixo o lema Deseñando a sociedade do futuro para as nosas vidas. Vigo participou dentro da semana dedicada á Paz, Seguridade Humana e Dignidade, como responsable do proxecto Quantum-Safe Internet, QSI.
Trátase dunha rede de doutoramento Marie-Curie financiada pola Unión Europea con máis de 2 millóns de euros, coordinada polo catedrático Marcos Curty e grazas á cal 12 mozas e mozos de diferentes países adquiren formación para converterse na “nova xeración de especialistas responsables de abordar o gran desafío de proporcionar á sociedade unha Internet segura”, segundo informou a Universidade de Vigo.
Marcos Curty, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, é o investigador responsable do Vigo Quantum Communication Center. A día de hoxe a institución participa en 6 proxectos europeos -incluído QSI- e en dous proxectos nacionais sobre comunicacións cuánticas. “Creamos o Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación atlanTTic, pertencente á rede Cigus, que centraliza estes esforzos”, apunta Curty, ao que engade que o obxectivo é “lograr comunicacións plenamente seguras na era dos ordenadores cuánticos, algo que representa grandes oportunidades pero que, ao mesmo tempo, supón unha ameaza severa para os métodos criptográficos que empregamos na actualidade para protexer as nosas comunicacións”.
A selección do proxecto QSI por parte da Comisión Europea para participar na exposición Osaka 2025 supón, a xuízo de Curty, “un gran recoñecemento ao liderado e compromiso europeo na construción dun futuro dixital seguro fronte ás ameazas emerxentes”.
Durante a súa participación na exposición, os investigadores do proxecto QSI explicaron a súa proposta para “lograr comunicacións plenamente seguras” e, en particular, “unha futura Internet resistente aos riscos da computación cuántica”. Sobre estes cometidos, Curty sinala que “son obxectivos que están plenamente aliñados co espírito da exposición e cos valores da Unión Europea en materia de innovación tecnolóxica, ciberseguridade e dereitos dixitais”.
Nesta ocasión viaxaron a Xapón os estudantes de doutoramento da Universidade de Vigo Alessandro Marcomini e Vaisakh Mannalath, xunto co profesor Alex B. Grilo da Universidade de Sorbonne (Francia) e o profesor Christian Majenz da Universidade Técnica de Dinamarca e, xa alí, uníronse a eles os socios do proxecto en Xapón, o profesor Kiyoshi Tamaki, da Universidade de Toyama, e o investigador Koji Azuma, da empresa de telecomunicacións NTT.
Ao longo de varios días ofreceron un completo programa de actividades que incluíron charlas divulgativas, proxeccións audiovisuais sobre os resultados que se están a acadar, así como obradoiros interactivos e actividades lúdicas para todos os públicos centrados nos desafíos e solucións da seguridade dixital cuántica e poscuántica.
Con catro anos de duración, o proxecto Quantum-Safe Internet, QSI, arrancou en outubro de 2022 e finalizará o 30 de setembro de 2026. Trátase dunha rede de formación de doutores da que forman parte 22 entidades, 7 como beneficiarias e 15 como asociadas, incluíndo grandes empresas como Toshiba ou Cisco, e universidades de Francia, Alemaña, Dinamarca, Países Baixos, Italia, Reino Unido, Suíza, Xapón ou Canadá.
Ao seu abeiro estanse a formar 12 estudantes de doutoramento provenientes de seis países: Italia (3), Alemaña (2), India (2), España (2), Arxentina, México e Francia. Destes 12 estudantes dous están contratados na propia UVigo, un de Italia e outro da India.