A UVigo afonda na obrigatoriedade da impartir docencia virtual

mércores, 8 de abril do 2020 S. P.

Co inicio do Estado de Alarma, a Universidade de Vigo puxo en marcha recursos para garantir a continuidade dos estudos dos seus estudantes baixo formatos dixitais, acompañándoos das medidas precisas para asegurar o máximo cumprimento da docencia virtual. Sobre este último punto, a institución deu a coñecer que se dotou de ferramentas para detectar e tratar os incumprimentos deste modelo online. Este tipo de ensino era unha obriga deste o 30 de marzo, pero a resolución reitoral deste martes incide neste deber (un deber que abrangue dende o primeiro curso de grao até o doutoramento), asumido xa polo 90% do profesorado.
Na disposición, ademais, fíxase o 15 de abril como data límite para o cumprimento por parte do profesorado dos “requisitos mínimos que garantan a docencia non presencial”, requirimentos como por exemplo ter operativa unha aula virtual ao dispor do alumnado; adaptar a programación docente ás metodoloxías non presenciais; impartir as materias respectando as datas contempladas no calendario académico 2019-2020 ou impartir integramente, agás en casos excepcionais, os contidos de cada materia.
“Agora toca dotarnos de ferramentas para detectar e tratar os incumprimentos que se detecten. Desde a Reitoría tentaremos contactar con docentes que non cumpran con esta obriga para coñecer a súa situación, xa que poden existir situacións de moi diverso tipo, polo que non se pode formular unha medida xeral”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado.
Recursos tecnolóxicos
Ademais de reforzar FaiTIC, a ferramenta de docencia virtual coa que a Universidade de Vigo conta desde hai 16 anos, a UVigo puxo en funcionamento o Campus Remoto, que ademais de incluír FaiTIC, contén como gran novidade as aulas virtuais en directo, xemelgos virtuais da estrutura docente da UVigo, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), “o que está evitar os problemas de sobrecarga que si están a sufrir as plataformas polas que optaron outras universidades como Skype, Google, etc...”, informa a institución viguesa, engadindo que “só no período comprendido entre o 27 de marzo e o 3 de abril, as aulas virtuais foron utilizadas por preto de 47.000 estudantes e case 9000 docentes”.

PUBLICIDADE