A UVigo amósanos como converternos en creadoras audiovisuais co noso móbil
xoves, 9 de maio do 2019
A
Universidade de Vigo está a subministrar por
vez primeira un curso para a creación de contidos audiovisuais para
redes sociais empregando unha das ferramentas máis estendidas e (xa)
con maiores e mellores posibilidades creativas: o teléfono móbil.
O obradoiro, inserido na programación do segundo cuadrimestre,
comezou o pasado 19 de febreiro e estenderase ata o vindeiro 14 de
maio, os martes, en sesións de tres horas. Trátase dunha actividade
práctica que busca axudar ao alumnado a tirar proveito do móbil
“como unha ferramenta de traballo máis”.
Á
fronte deste obradoiro atópase Xoan Mariño, produtor executivo e
cultural en Mr. Misto, que, alén dos recursos tecnolóxicos sobre os
que pon o foco, artella un contido formativo que salienta por enriba
de todo a importancia do guión: “Cómpre que o alumnado teña
claro que quere contar, como o quere contar e a quen está a obra
destinada”. Polo que se refire aos aspectos de creación
audiovisual que se imparten, teñen como dixemos unha natureza
práctica. Por exemplo, incluíuse a elaboración a pé de rúa dunha
entrevista con móbil, unha actividade que lles serviu aos asistentes
para crear e aprender a manexarse coas ferramentas”. O obxectivo do
obradoiro é dar ao alumnado unha base firme para que poida seguir
dedicándose ao proxecto que teñen elixido unha vez que remate o
curso.
