A UVigo celebra o 11F cunha nova e ateigada edición de Elas Fan CienTec

martes, 11 de febreiro do 2025 S. P.

A Universidade de Vigo volve sumarse á celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, cun amplo programa de actividades. Este martes 11 de febreiro, precisamente, as grandes protagonistas foron as 168 alumnas de Ensino Secundario Obrigatorio que participaron nos diferentes obradoiros organizados para elas baixo a denominación Elas Fan CienTec, organizados polas científicas e as tecnólogas da Universidade de Vigo, coa colaboración da Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica.
Na Escola de Enxeñaría Industrial
Houbo actividades no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, e nas tres escolas de enxeñaría no campus de Vigo. Na Escola de Enxeñaría Industrial foron recibidos pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen, xunto á subdirectora de Alumnado do centro, a enxeñeira Xanel Vecino, foron as encargadas de darlles a benvida.
No caso desta escola participaron nos obradoiros 43 alumnas do IES Monte Carrasco de Cangas. Alí a celebración do 11F coincidiu, ademais, cun dos eventos máis importantes que acolle a escola cada dous anos, as Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, JAI 2025, nas que participan máis de 2000 asistentes e onde se pode visitar un showroom con 40 expositores, un evento no que as alumnas puideron coñecer de preto varios exemplos de robots e autómatas e entrar en contacto directo coas principais firmas deste sector.
Ademais da visita á sala de demostracións, as estudantes canguesas participaron tamén en diferentes actividades nas que tiveron a oportunidade de escoitar de primeira man o testemuño de preto dunha vintena de profesoras e investigadoras da escola que lles contaron a grandes liñas en que consiste o seu traballo, descubrindo, desta maneira, que detrás dos grandes avances científicos hai moitas mulleres, “cheas de dedicación, paixón e talento”, que rompen barreiras e abren camiños para o futuro da ciencia.
“Se vos apetece facer unha enxeñaría non deixedes de facelo, non vos deixedes levar polo que dirán, por ideas erróneas como que é un ámbito de homes ou que non ides ser capaces”, recalcoulles a vicerreitora, xeóloga de formación e docente na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, da que exerceu como directora.
Detectives de imaxes e robótica na EE de Telecomunicación
No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiron a un grupo de case 60 alumnas do IES Castelao de Vigo. Divididas en dous equipos tiveron a oportunidade de visitar os laboratorio de Acústica e Procesado da Sinal e participar en dous obradoiros: Detectives de imaxes e Robótica con Cubesat. No primeiro explicóuselles como cada vez é máis frecuente atopar imaxes manipuladas que axudan a difundir información falsa por Internet e como o procesado destas imaxes pode axudar a albiscar máis alo do que ven os nosos ollos e, “con sorte” , atopar inconsistencias que axuden a diferenciar o que é real do que non.
No caso do obradoiro de Robótica con CuteBot as nenas recibiron unha clase na que aprender a programar, desde o máis simple ata o máis complexo, desde seguir unha liña e avanzar evitando obstáculos ata prender automaticamente as luces en función da luz ambiental.
Construtoras do muro máis resistente na EE de Minas e Enerxía
Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía participaron nos obradoiros Elas Fan CienTec un grupo de 28 alumnas do IES Ricardo Mella. Divididas en grupos participaron en catro talleres: The Wall, The Science Games: catching fire, un taller de pinturas e minerais e un particular quebracabezas. The Wall consistiu nunha competición grupal para construír o muro de terra armada máis resistente, pero tamén The Science Games, unha xincana sobre os principais conceptos da combustión e as súas aplicacións, incluíndo unha parte máis interactiva con distintos experimentos. A maiores, no quebracabezas mineral-metal-aplicación o reto foi relacionar o mineral do que se extraen diferentes metais que logo se utilizan en aplicacións que lle son familiares no seu día a día.
Experimentando nos laboratorios do CINBIO
Desde o ámbito científico, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, o CINBIO, abriu neste día as súas portas a un grupo de 38 alumnas de 3º e 4º da ESO do IES Santa Irene de Vigo, que puideron experimentar a través de oito obradoiros deseñados especificamente para elas.
Déronlles a benvida Margarita Vázquez e Begoña Puértolas, investigadoras que coordinan a actividade neste centro e, a partires de aí, comezou o percorrido polos laboratorios.
No Laboratorio de Enfermidades Raras exerceron de detectives cromosómicas; en FunNano Bio, participaron na preparación de nanopartículas de ouro e a súa aplicación na detección de antíxenos mediante test rápidos; no de Nanomateriais Híbridos traballaron na síntese de nanopartículas magnéticas e na comprobación das sus propiedades, e en TeamNanoTech, achegáronse á simulación de encapsulación de fármacos.
Completaron o percorrido co grupo Biomimat + Física e Química de Materiais, onde comprobaron como a luz interactúa coa materia; co equipo CellCOM aprenderon a extraer ADN de froitas; con Neurocircutis descubriron neurocircuítos fantásticos e onde atopalos, e no taller CelulArte, practicaron o procesamento de tecidos e frotis de sangue.