A UVigo celebra o Día da Ciencia en Galego co lanzamento do concurso de monólogos Gargallada Científica

mércores, 5 de novembro do 2025 S. P.

Coincidindo coa celebración do Día da Ciencia en Galego, este martes 4 de novembro, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo puxo en marcha o 1º concurso de monólogos científicos en galego Gargallada Científica, un certame que anima o persoal científico a empregar o humor para comunicar o coñecemento científico-tecnolóxico. Trátase da actividade inaugural dun catálogo de propostas que tamén inclúe unha gala final o 11 de decembro e o lanzamento da segunda edición da publicación Escolma de Termos Científicos.
O concurso Gargallada Científica, dirixido a todo o persoal investigador da Universidade de Vigo, está aberto ata vindeiro 4 de decembro. Durante este período, as persoas interesadas poderán enviar un vídeo de máximo tres minutos coa súa interpretación persoal dun monólogo científico en galego, que deberá ser orixinal e inédito e basearse nun tema científico ou tecnolóxico.
Dende a UCC+i animan o persoal investigador a que empregue “a retranca, a sorna e a ironía” para transmitir o coñecemento científico de xeito próximo, accesible e ameno, sen renunciar ao rigor. “O galego ofrece moitos recursos humorísticos e, a través deles, queremos que as nosas científicas e científicos acheguen o seu traballo á sociedade, amosando a faciana máis próxima e humana da investigación universitaria”, destacan.
Outra das metas que persegue esta iniciativa é promover as habilidades comunicativas do persoal investigador, e facelo empregando como lingua vehicular o galego.
Segundo se detallen nas bases do concurso, outorgarase un único premio, que consistirá nun kit audiovisual valorado en 600 euros. O xurado, formado por un mínimo de tres persoas vencelladas aos ámbitos da investigación, o humor e a comunicación, valorará o contido, a creatividade e a calidade técnica das propostas. O fallo será comunicado o día 5 de decembro a través das canles oficiais da UCC+i.
Como colofón do concurso, o día 11 de decembro, entre as 18.00 e as 20.00 h, celebrarase unha sesión de solo de ciencia no Vitruvia Café de Vigo, que servirá como evento final. Neste evento final participará a persoa gañadora do concurso, que interpretará o seu monólogo ao vivo, xunto con outras divulgadoras e divulgadores en galego.
Ademais deste certame, dende a UCC+i están a coordinar a segunda edición da Escolma de Termos Científicos, un minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística que segue a estela do primeiro volume. O glosario persegue o triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo en galego e apoiar o traballo científico nesta lingua.
Nesta ocasión, a publicación Escolma de Termos Científicos abordará termos de tres áreas temáticas: bioloxía mariña, xestión pública e informática, para o que se conta coa colaboración dos docentes Estefanía Paredes, Xosé Mahou e Alma María Gómez, ademais de numerosas persoas colaboradoras e coautoras.
Dende a UCC+i salientan que con esta segunda edición búscase “conseguir unha publicación estable, que permita recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio”.