A UVigo chega á final do Vodafone Campus Lab por segundo ano consecutivo

martes, 23 de xuño do 2020 S. P.

A Universidade de Vigo, por segundo ano consecutivo, estará na final do certame Vodafone Campus Lab xunto coa Universidade de Alacante e a Politécnica de Catalunya. Como lembraremos, o Campus da operadora de telecomunicacións é un programa de formación online onde estudantes universitarios de diferentes disciplinas traballan en equipo para crear solucións a retos de innovación. A final celébrase este 25 de xuño ás 12.00 horas en formato webinar.
Nesta ocasión a participación viguesa chega da man de Somos Opopona, seis alumnos e unha alumna dos graos de enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Organización Industrial que compiten no concurso cunha aplicación de móbil dirixida a asistir a persoas con discapacidade visual en aeroportos.
“Temos bastantes nervios, pero agardamos facer unha boa presentación e poder culminar o traballo que levamos facendo todo o ano”, explica Roi Martínez, estudante do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, ao que tamén engade que, “independentemente do resultado, confiamos no noso proxecto e agardamos poder facelo realidade, se non é agora si nun futuro non moi afastado”. Xunto a Martínez integran o equipo Sergio Arcay, Andrea Busto, Pablo Cachafeiro, Marcos Cordeiro e Javier Rey, estudantes do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Alfonso Castro, alumno do Grao de Enxeñaría en Organización Industrial, da Escola de Enxeñería Industrial.
A aplicación para móbil deseñada polo equipo vigués chámase Optemis e pretende, empregando tecnoloxías de análise de datos a gran escala (Big Data), desenvolver tecnoloxías de xeolocalización en interiores e procesado de imaxe, guiar ao usuario con discapacidade visual á súa porta de embarque en aeroportos, empregando as rutas menos transitadas.
Ademais, tamén ofrece a posibilidade de localizar a equipaxe e atopar outros servizos dentro das instalacións.
O premio para o equipo gañador consistirá en ata 10.000 euros para desenvolver o seu produto/servizo e tres meses de asesoramento por parte de profesionais de Vodafone.

PUBLICIDADE