A UVigo crea ApiConecta, unha ferramenta dixital para xestionar a información das colmeas
venres, 25 de outubro do 2024
A Universidade de Vigo, a Agrupación Apícola de Galicia (asociación con preto de 1000 socios e socias e 85.000 colmeas), o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, (organismo referente no sector) e apicultoras e apicultores veñen de unirse para a creación de ApiConecta, unha ferramenta dixital que beneficiará á apicultura galega mediante a dixitalización da información recollida nas visitas ás colmeas e co establecemento dunha rede de comunicación áxil e bidireccional entre apicultores e persoal técnico.
Co título ApiConecta. Tecendo Conexións Dixitais para Fortalecer a Apicultura, a UVigo participa dende a Facultade de Ciencias do campus de Ourense xunto a un equipo do Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais liderado por Mª del Carmen Seijo e formado por Olga Escuredo, M. Shantal Rodríguez e Ana Diéguez-Antón, e outro equipo da Escola Superior de Enxeñaría Informática, composto neste caso por Eva Lorenzo, Lourdes Borrajo, Adrián Seara e Pedro Celard.
Indo ao proxecto, dicir que dá continuidade á traxectoria do grupo liderado por Carmen Seijo no desenvolvemento de proxectos de investigación destinados a promover a modernización do sector apícola e realizados en colaboración cos seus axentes. ApiConecta tivo a súa xuntanza de lanzamento este mes de outubro e desenvolverase até 2026 financiado polas axudas da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia para proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027.
Para facer fronte a todas os atrancos xurdidos (a avespa asiática, o cambio climático...) a apicultura galega contará coa axuda desta idea que achega, segundo as súas entidades promotoras: “unha oportunidade para a modernización do sector” incorporando sistemas de dixitalización da información e establecendo canles de comunicación para mellorar a xestión das explotacións apícolas.
ApiConecta quere pór a disposición do sector apícola galego unha rede integrada ou comunidade informatizada formada por apicultores e técnicos, que actúe como punto central de comunicación e difusión para mellorar a viabilidade das colonias de abellas. En primeiro lugar, desenvolverase un sistema de comunicación interactivo entre o persoal técnico e apicultores baixo unha mesma canle de difusión de xeito bidireccional. “Permitirase unha comunicación máis áxil, unha resposta de máis calidade e o seguimento das accións levadas a cabo pero tamén a realización de alertas para previr situacións de risco (alimento, vespa velutina, várroa, resistencias ou secas)”, sinalan.
En segundo lugar, en ApiConecta crearase un módulo de recoñecemento de voz que simplifique a recollida de información durante as visitas ás colmeas. “Cando se usan equipos de protección (traxes de apicultor), a toma de datos tanto escritos como informatizados é lenta e complicada”, comentan desde o proxecto. Un sistema de recollida de información por voz, engaden, “permitirá tomar datos das colmeas dun xeito doado, evitando riscos, xa que non será necesario deixar as mans ao descuberto”. Por último, deseñarase un repositorio de datos na nube que recolla e manteña accesíbel información sobre o estado das colmeas, poñendo a disposición do apicultor e do técnico ferramentas dixitais para “facer un seguimento, avaliar o estado das súas colmeas, tomar decisións e actuar”.
En resumo, con ApiConecta ten como finalidade mellorar a capacidade tecnolóxica e modernizar o sector apícola, facendo que as explotacións sexan máis sostíbeis, empregando os recursos con maior eficiencia e favorecendo o traballo cotián de apicultores e técnicos.