A UVigo dará forma a unha app para optimizar a explotación da navalla na nosa costa

luns, 6 de novembro do 2017 Redacción

Hoxe presentouse en Vigo un proxecto de investigación impulsado pola Universidade e a Consellería de Mar que consiste en dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, afondando no seu coñecemento e nos detalles do seu ciclo reprodutivo e a súa variabilidade espacial. E todo co finalidade última de acadar modelos de explotacións máis rendíbeis ao tempo que sustentábeis. O proxecto inclúe o desenvolvemento dunha aplicación informática que achegará información continua e actualizada sobre os métodos de explotación máis acaidos para cada intre e lugar.
A investigación, cun orzamento de 166.000 e vixente ata agosto do ano 2020, estudará a variabilidade do ciclo reprodutivo, talla da primeira posta e crecemento na navalla na ría viguesa, dende os bancos máis interiores como o de Rande ata os máis exteriores, nas Cíes.
No proxecto participan (pola UVigo) o Campus do Mar, o Centro Singular de Investigación Mariña-ECIMAT, o Centro Singular de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación AtlantTIC, e, polo Goberno autonómico, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Todos estes centros traballarán da man das confrarías que están explotando a navalla na ría de Vigo, que reúnen 52 embarcación e 78 mergulladores.
Do deseño da ferramenta informática encargaranse expertos de AtlantTIC. Como explicou na presentación do proxecto Francisco Javier González Castaño, director do Grupo de Tecnoloxías da Información, tomaranse os resultados da ECIMAT e a experiencia de campo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) para “converter os seus resultados nunha aplicación móbil de análise de datos que permita que os mariscadores poidan identificar o mellor momento para realizar o seu labor”. A través desta ferramenta, que se poderá empregar tanto dende os teléfonos como dende os equipos de sobremesa, os traballadores poderán coñecer o estado do recurso nos distintos bancos marisqueiros e reducir os períodos de peche dos bancos de navalla e os descartes de exemplares.
Ao fío das implicacións da app resultante e dos importantes datos sobre períodos de explotación que vai fornecer, o reitor Salustiano Mato explicou na presentación do proxecto que “é importante non extraer navalla no período de ruptura, o período máis importante do seu ciclo de vida, o da madurez gonadal, por un lado, porque é un período crítico para a especie e, por outro, porque esas rupturas reducen o valor comercial das capturas”.

PUBLICIDADE